Contratos Públicos de Galicia

A entrada en vigor da lei 30/2007, de 30 de outubro, de Contratos do Sector Público, supuxo un impulso á utilización dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos na contratación pública. Nese marco legal, unha das liñas fundamentais de actuación dirixiuse a mellorar os sistemas de información sobre a actividade contractual, creando novas figuras, como o Perfil do contratante e as Plataformas de Contratación que, a través de Internet, convértense en ferramentas de grande axuda para o coñecemento e seguimento dos procedementos contractuais en curso e mesmo para que as pemes coñezan posibilidades de negocio co sector público e accedan facilmente ás licitacións.

Acceder

Na Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Facenda, a través da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa e en colaboración coa Amtega, asumiu a tarefa de coordinar os traballos necesarios para adaptar e rediseñar, cos cambios de filosofía e contidos previstos na nova normativa, o entorno informático existente antes da entrada en vigor da lei.

Naceu así un portal de contratación, Contratos Públicos de Galicia (CPG), con vocación de ser o punto de acceso á información publicada desde todos os perfís dos órganos de contratación do sector público galego.

Desde aquí poderá acceder á consulta de anuncios de información previa, das licitacións en curso, das adxudicacións e formalizacións máis recentes, de documentación de interese (pregos, datas de apertura de plicas, publicacións noutros medios etc.) ou dos puntos de contacto e formas de comunicarse co órgano de contratación. Ademais disporá dun sistema de alertas polo que poderá recibir gratuitamente no seu enderezo de correo electrónico avisos sobre os novos procedementos que se publican.