Sistema de indicadores da administración dixital
O Sistema de indicadores da administración dixital (creado pola Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia) mide a evolución e o impacto do desenvolvemento dixital do sector público autonómico galego.
Este sistema está constituído polos indicadores do funcionamento da propia Administración, a partir da información dispoñible nos sistemas e nas aplicacións que lle dan soporte á actividade dixital desta.
A súa creación ten como obxectivo establecer os mecanismos de medición necesarios para avaliar, analizar e controlar a implantación e o impacto da administración dixital, así como achegar coñecemento para a mellora da prestación dos servizos públicos.
O coñecemento e uso destes indicadores ten interese en diferentes ámbitos:
- Dentro da propia Administración: para facilitar a toma de decisións, avaliar a prestación dos servizos públicos, permitir a observación da sociedade dixital e análise estatística...
- Na cooperación con outras administracións, para facilitar o aliñamento con indicadores comúns
- De cara á cidadanía, como elemento de transparencia, proporcionando un servizo de información de alta calidade baseado nos principios de libre e fácil acceso á información do sector público