Últimas novidades e melloras neste portal

O portal de Transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia é unha ferramenta de consulta de información e interacción coa cidadanía que se atopa continuamente en fase de mellora.

Desde a súa posta en marcha, en 2016, revísase de forma periódica co obxecto de:

  • Mellorar a usabilidade e accesibilidade dos seus contidos
  • Incorporar novas seccións informativas 
  • Incrementar novos servizos de participación
  • Facilitar que a cidadanía poida interactuar coa Administración autonómica

Recóllense, de seguido, algunhas das novidades e melloras máis relevantes que se foron incorporando en https://transparencia.xunta.gal , ás que habería que engadir a publicación de novas páxinas de información.  

 

Modelos de pregos e pregos tipos e de referencia

En marzo de 2022 publícase unha nova páxina para divulgar os "Modelos de pregos e pregos tipos e de referencia". Neste apartado pódense consultar os modelos de pregos de cláusulas administrativas ou pregos tipo ou pregos de referencia que se van aprobando co propósito de facilitar a xestión administrativa e a participación das empresas no procedemento de contratación. 

 

Modelos de bases reguladoras 

En xaneiro de 2022 incorpórase a este portal unha nova páxina na que consultar os "Modelos de bases reguladoras" que se van aprobando co propósito de facilitar a xestión administrativa e a participación cidadá no procedemento subvencionador.

 

Apertura da "Canle de denuncias"

En xaneiro de 2022 incorpórase a este portal o acceso á canle de denuncias sobre irregularidades en materia de integridade institucional prevista no Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia. Este espazo ofrece unha dobre vía para a presentación de denuncias, con e sen identificación da persoa denunciante.

 

Novo espazo de "Participación cidadá"

A finais de 2021 publícase nese portal este novo apartado a través do cal a cidadanía pode participar na elaboración da normativa, plans e outras políticas específicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo tamén a posibilidade de participar no proceso previo de elaboración normativa mediante o acceso ás consultas públicas previas.    

 

Novo apartado de "Integridade institucional"

En xuño de 2021 publicouse no portal unha páxina divulgativa con información sobre o "Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión 2021-2024", aprobado o 26 de maio de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia, e outra documentación de interese relacionada con esta materia.   

 

Transparencia sobre o novo coronavirus COVID-19

En marzo de 2020 creouse este apartado para recoller nel toda a información de interese público e medidas adoptadas pola Xunta de Galicia ante a situación de emerxencia sanitaria ocasionada pola COVID-19.

A sección "Normativa e medidas da Xunta de Galicia" dá conta de todas as disposicións que, ata a data, se teñen publicado no Diario Oficial de Galicia en relación coa COVID-19 e os seus efectos na actividade da Administración. 

   

Vídeo sobre o dereito de acceso á información pública

En febreiro de 2020 publícase na portada un acceso á sección https://transparencia.xunta.gal/divulgacion-en-videos cun vídeo informativo que detalla como se pode exercer o dereito de acceso á información pública

  

Boletín de novidades 

 

Desde novembro de 2020 as persoas interesadas en recibir no seu correo electrónico información sobre:

  • As novidades que se produzan no ámbito da transparencia, a participación e o goberno aberto na Xunta de Galicia
  • As normativas en tramitación e/ou consultas públicas previas que se atopen en fase de presentación de suxestións ou achegas, para que poida participar se o desexa

poden darse de alta no boletín de novidades do portal.

 

"O máis consultado" e opción para valorar as páxinas do portal

Desde xuño de 2019 o portal dispón da páxina "O máis consultado" onde cada mes se actualizan os datos das páxinas máis visitadas.

Nese momento tamén se incluíu nas páxinas do portal un elemento de valoración que permite á cidadanía interactuar co portal para valorar a información das súas páxinas (como o que pode verse ao pé desta).

e outro para remitir comentarios:

 

Encomendas de xestión

En setembro de 2018 o espazo de Encomendas de xestión do portal foi obxecto dunha renovación grazas á cal, cada unha das encomendas publicadas dispón dunha ficha propia para coñecer os detalles do seu obxecto, entidade encomendante e encomendada, data se sinatura, orzamento, duración... ao que hai que engadir que se incorporaron filtros para facilitar o acceso ás encomendas que ten dispoñibles cada departamento e entidade.  

 

Consulta pública previa 

En maio de 2017 publicouse esta nova sección do portal para mellorar a participación da cidadanía no procedemento de elaboración de normas, con carácter previo á elaboración dun proxecto ou anteproxecto de lei ou regulamento.

A través deste apartado a Administración solicita a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma.

A Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia foi a primeira das máis de 130 normativas que xa se teñen publicado nesta sección do portal. 

 

Resultoulle útil a información?

Se o desexa, tamén pode deixar unha suxestión ou proposta de mellora sobre esta páxina
Dispón dun número limitado de 1000 caracteres para a súa mensaxe