Solicitude de acceso á información pública
Todas as persoas teñen dereito a acceder á información pública nos termos previstos na normativa básica en materia de transparencia.
O concepto de información pública
Garantías da cidadanía no dereito de acceso
Procedemento do dereito de acceso á información pública
Solicitude de acceso á información
Órgano competente para a resolución
Prazos de resolución e notificación
Sentido do silencio administrativo
O concepto de información pública
Enténdese por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da Lei de transparencia e bo goberno e que fosen elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións.
Así mesmo, considerarase información pública a producida polas entidades que presten servizos públicos ou exerzan potestades administrativas, nos termos previstos no artigo 4 da Lei de transparencia e bo goberno.
O dereito de acceso
O dereito de acceso á información pública exercerase conforme ao procedemento establecido na Lei de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
Cando o dereito de acceso á información pública sexa exercido por un deputado ou deputada, na súa condición de tal, seralle de aplicación a súa normativa específica.
Garantías da cidadanía no dereito de acceso
No exercicio do seu dereito ao acceso á información pública garantiráselle á cidadanía:
- A posibilidade de utilización da información obtida sen necesidade de autorización previa e sen máis limitacións que as derivadas desta ou outras leis.
- A recepción da información pública en formato electrónico ou en papel, segundo teña indicado a persoa solicitante.
- A recepción da información pública na lingua oficial de Galicia na que a solicite.
- O coñecemento das taxas e prezos que, no seu caso, sexan exixibles para a obtención de copias ou para a transposición da información a formatos diferentes do orixinal.
- A realización de propostas e suxestións en torno á información demandada e aos formatos, programas ou linguaxes informáticas empregados.
Límites ao dereito de acceso
O dereito de acceso poderá ser limitado cando acceder á información supoña un prexuízo para os ámbitos sinalados no artigo 14 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Entre as materias nas que a subministración de información estaría limitada atópanse as relacionadas coa seguridade nacional, a defensa, as relacións exteriores e a seguridade pública, entre outras.
O dereito de acceso á información pública só poderá ser limitado ou denegado nos supostos previstos na normativa básica. Naqueles casos nos que a aplicación dalgunha limitación non afecte á totalidade da información e sempre que sexa posible, concederase o acceso parcial, omitindo a información afectada pola limitación, agás que a información resultante sexa equívoca ou carente de sentido.
Procedemento do dereito de acceso á información pública
Solicitude de información
O procedemento para o exercicio do dereito de acceso iniciarase coa presentación da correspondente solicitude, que se deberá dirixir á persoa titular do órgano administrativo ou entidade que posúa a información.
Cando se trate de información en posesión de persoas físicas ou xurídicas que presten servizos públicos ou exerzan potestades administrativas, a solicitude dirixirase á Administración, organismo ou entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei de transparencia e bo goberno ás cales estean vinculadas.
A solicitude poderá presentarse por calquera medio que permita ter constancia de:
- A identidade do/a solicitante.
- A información que se solicita.
- Unha dirección de contacto, preferentemente electrónica, a efectos de comunicacións.
- No seu caso, a modalidade que se prefira para acceder á información solicitada.
Presentación
As solicitudes deberán presentarse na Secretaría Xeral da Presidencia e nas secretarías xerais técnicas das respectivas consellerías, segundo a materia obxecto da solicitude, que serán as encargadas de remitilas, no seu caso, aos órganos competentes para a súa tramitación e resolución, previstos no artigo 27.3 da Lei galega de transparencia e bo goberno.
Presentación electrónica
As devanditas solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, así como a chave concertada 365, no enderezo https://sede.xunta.gal/chave365.
Presentación en soporte papel
Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia.
Motivación
O/a solicitante non está obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información. Con todo, poderá expoñer os motivos polos que solicita a información e que poderán ser tidos en conta cando se dite a resolución.
Orientación e asesoramento
A persoa solicitante ten dereito a recibir orientación e asesoramento para o exercicio deste dereito a través do sistema integrado de atención á cidadanía.
Documentación
- Se se fai de xeito electrónico: a documentación complementaria que se achegue presentarase de xeito electrónico utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
- Se o trámite se fai de maneira presencial: no caso de non presentarse de forma electrónica, poderase optar por presentar a documentación en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común, utilizando o modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Órgano competente para a resolución
No ámbito do sector público autonómico, a competencia para a resolución das solicitudes de acceso corresponderalles á persoa titular da secretaría xeral, da secretaría xeral técnica, da dirección xeral ou da delegación territorial no caso da Administración xeral da Comunidade Autónoma, e mais á persoa titular dos órganos de goberno ou executivos das entidades instrumentais do sector público que posúan a información.
Prazos de resolución e notificación
A resolución na que se conceda ou denegue o acceso deberá notificarse á persoa solicitante e aos terceiros afectados que así o solicitaran o antes posible e, como máis tarde, no prazo máximo de 1 mes desde a recepción da solicitude polo órgano competente para resolver.
Sentido do silencio administrativo
Negativo.
Reclamación que procede
Fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, con carácter potestativo e previo á súa impugnación en vía Contencioso Administrativa. O prazo de exercicio desta reclamación é dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.
A tramitación da reclamación axustarase ao disposto en materia de recursos na normativa reguladora do procedemento administrativo.
Cando a denegación do acceso á información se fundamente na protección de dereitos ou intereses de terceiros, outorgarase, previamente á resolución da reclamación, trámite de audiencia ás persoas que poidan resultar afectadas para que aleguen o que conveña ao seu dereito.
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, transcorrido o cal a reclamación entenderase desestimada.
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno atribúe á Comisión de Transparencia, como órgano colexiado independente adscrito ao Valedor do Pobo, a competencia para a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública.
- Comisión da Transparencia de Galicia - http://www.comisiondatransparencia.gal
- Acceso ao formulario para presentar unha reclamación ante a Comisión
Formalización do acceso
O acceso á información realizarase preferentemente por vía electrónica, salvo cando non sexa posible ou o/a solicitante sinalase expresamente outro medio. Cando non poida darse o acceso no momento da notificación da resolución deberá outorgarse, en calquera caso, nun prazo non superior a dez días.
Se existiu oposición de terceiro, o acceso só terá lugar cando, concedéndose o devandito acceso, transcorrese o prazo para interpoñer recurso contencioso administrativo sen que se formalizase ou fose resolto, confirmando o dereito para recibir a información.
Se a información xa foi publicada, a resolución poderá limitarse a indicar ao/á solicitante como pode acceder a ela.
Taxas
O acceso á información será gratuíto. Non obstante, a obtención de copias e a transposición a formatos diferentes do orixinal poderán estar suxeitas ao pagamento das taxas establecidas na normativa da Comunidade Autónoma de Galicia sobre o particular. Pode consultar aquí as tarifas vixentes de taxas (anexo I - taxa por servizos administrativos).
Pode acceder ao impreso de autoliquidación de taxas.
Datos protexidos
Aplicaranse os límites establecidos no artigo 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
Información xeral sobre a protección de datos
Queixas e suxestións
Para calquera proposta ou suxestión relacionada co dereito dereito de acceso á información pública, así como para trasladar calquera mellora susceptible de incorporarse neste portal, pode empregarse esta canle de suxestións.