Forma de acceso a información relevante en materia de contratación

Neste apartado recóllese unha breve explicación co obxecto de que a cidadanía coñeza a forma de acceder, a través da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, a determinada información relevante en materia de contratación (contratos menores, modificacións e cesión de contratos e subcontratacións, mesas de contratación, actas e informes das mesas, así como a determinada información contida neles e obrigas específicas en materia de concesións de servizos públicos).

Contratos menores

Nesta ligazón accédese á publicación dos contratos menores clasificados polos perfís de contratante da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na Plataforma de Contratos de Galicia.

Modificacións, cesións de contratos e subcontratacións

Desde a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, dentro do correspondente contrato, accedendo desde a opción "Execución" recóllense, no seu caso, as distintas modificacións e cesións de contratos, así como as subcontratacións.

Mesas de contratación

Desde a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, dentro do correspondente contrato, na opción "Mesas de contratación" recóllese a información relativa á composición e convocatoria das mesas de contratación do correspondente contrato.

As mesas de contratación asisten aos órganos de contratación para a valoración das ofertas. Están constituídas por un/unha presidente/a, vogais que se determinen regulamentariamente, e por un/unha secretario/a, sendo designados os membros destas mesas polo órgano de contratación.

Actas das Mesas de contratación

Desde a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, dentro do correspondente contrato, na pestana "Mesas de contratación" figuran as actas e informes elaborados polas mesas de contratación.

En cada unha das actas e informes elaborados polas mesas de contratación, relativas ao sobre A, dáse conta das empresas que se presentaron a cada unha das licitacións.

Obrigas específicas dos contratos de concesión de servizos públicos

As concesións de servizos públicos atópanse enmarcadas dentro da información recollida, na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, baixo a denominación de contratos de xestión de servizos públicos.

Desde a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, dentro do correspondente contrato de xestión de servizos públicos, accedendo desde a pestana "Execución" recóllense, no seu caso, os seguinte apartados:

  • A identificación do responsable do contrato, na opción: "responsables/s".
  • Os enderezos electrónicos aos cales se poden dirixir as reclamacións de responsabilidade patrimonial e as queixas, na opción: "correo electrónico, reclamación ou queixas".
  • Os estándares mínimos de calidade do servizo público, na opción: "estándares de calidade".
  • O persoal adscrito á prestación do servizo, con expresión da categoría e titulación, na opción: "persoal adscrito á prestación do servizo".