O Comisionado da Transparencia
O Comisionado da Transparencia constitúese coma un órgano independente de control no cumprimento das obrigas comprendidas no Título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno por parte dos suxeitos incluídos no seu ámbito de aplicación.
O Comisionado da Transparencia ten encomendadas as seguintes funcións:
- Responder ás consultas que, con carácter facultativo, lle sexan formuladas polos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
- Adoptar recomendacións para o mellor cumprimento das obrigas legais en materia de transparencia e bo goberno, oída a Comisión da Transparencia.
- Asesorar en materia de transparencia do dereito de acceso á información pública e bo goberno.
- Emitir informe, con carácter previo á súa aprobación, sobre proxectos de lei ou de regulamentos en materia de transparencia e bo goberno, oída a Comisión da Transparencia.
- Efectuar, por iniciativa propia ou por mor de denuncia, requirimentos para a emenda dos incumprimentos que se poidan producir das obrigas establecidas en materia de publicidade activa previstas nesta lei.
- Aqueloutras funcións que lle sexan atribuídas por unha norma legal.
O artigo 33 da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno crea a Comisión da Transparencia como órgano colexiado independente adscrito ao Consello Consultivo de Galicia.
A Comisión da Transparencia compoñerase dos seguintes membros:
- Presidente ou presidenta: o presidente ou presidenta do Consello Consultivo de Galicia.
- Vogais: unha persoa representante da Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación da Xunta de Galicia, unha persoa representante do Consello de Contas e unha persoa representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.
- Secretario ou secretaria: un letrado ou unha letrada ao servizo de Consello Consultivo de Galicia, designado ou designada polo Pleno do Consello Consultivo por proposta da súa Presidencia. A persoa que exerza as funcións de secretario ou secretaria terá voz e voto.
A Comisión da Transparencia é o órgano independente ao que lle corresponde a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro. No caso de empate, o presidente ou presidenta terá voto dirimente.