Eficiencia e eficacia do gasto na prestación dos servizos públicos
Neste apartado recóllense os indicadores de eficiencia e eficacia do gasto na prestación dos servizos públicos, así como os obxectivos e prioridades do gasto do orzamento do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020.
O artigo 46 bis da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia, introducido pola Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece que os suxeitos que integran o sector público autonómico orientarán a súa xestión económico-financeira ao cumprimento da eficacia na consecución dos obxectivos fixados e da eficiencia na asignación e utilización de recursos públicos, nun marco de obxectividade e transparencia na súa actividade administrativa.
Neste contexto sitúase a memoria de obxectivos e prioridades de gasto que acompaña á Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma, directamente incorporada no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, e que será obxecto da oportuna avaliación.
Nesta memoria recóllese, para cada un dos eixos de actuación dos previstos no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, información sobre o seu importe orzamentario e porcentaxe destinada no correspondente exercicio económico, a súa distribución polas distintas fontes de financiamento así como os indicadores correspondentes que serán obxecto da oportuna valoración.