Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia

Departamento 

Vicepresidencia Primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación

Órgano tramitador 

Secretaría Xeral Técnica

Estado da tramitación 

Autorización do inicio o 23 de marzo de 2023

Obxecto e fins

Esta lei ten por obxecto promover o desenvolvemento sustentable do territorio galego, fundamentalmente, mediante a busca do maior beneficio social e económico na execución dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, tanto na propia Comunidade Autónoma como, especialmente, nas zonas situadas dentro do ámbito de influencia dos proxectos.

Fins

Son fins desta lei: 

  • O impulso do desenvolvemento racional e sustentable do territorio de Galicia, mediante a xestión responsable dos recursos naturais e a protección do ambiente, de forma conciliada co desenvolvemento social e económico;
  • A cohesión social e a mellora da calidade de vida da poboación de Galicia;
  • O desenvolvemento equilibrado dos sectores e actividades comprendidos nesta lei.

Identificación dos proxectos 

Esta lei será aplicable aos seguintes proxectos:

  • proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables;
  • proxectos que requiren da concesión de augas para os seguintes usos:
    • usos para transición xusta, previstos na disposición adicional décimo sexta do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
    • usos agropecuarios e acuicultura
    • usos industriais para produción de enerxía eléctrica
    • usos industriais para produción de bens de consumo e industrias extractivas
  • dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros.

Participación en sociedades que teñan obxectivos compatibles cos previstos por esta lei

A Administración xeral da Comunidade Autónoma ou os seus entes instrumentais, cumprindo os requisitos establecidos na lexislación de patrimonio autonómico, poderán participar en sociedades mercantís entre cuxas finalidades e responsabilidade corporativa se encontren as de procurar o beneficio social e económico dos proxectos, no marco das súas operacións industriais, mercantís ou de investimento, de acordo coas normas previstas nesta lei. 

Estas finalidades incorporaranse á actuación das sociedades, e sen prexuízo da súa operación como un axente máis de acordo coas regras normais do mercado.

As sociedades participadas poderán, pola súa vez, participar nas sociedades vehiculares que se establezan, de ser o caso, para executar os proxectos de investimento.

En todo caso, para que a Administración participe nas sociedades, entre as súas finalidades e responsabilidade corporativa encontrarase o obxectivo de valorizar os recursos estratéxicos galegos e canalizar este valor cara a todo o tecido socioeconómico da Comunidade Autónoma, en particular cara ás comunidades locais que soportan a maior parte dos custos ambientais da súa explotación.

Resultoulle útil a información?