Convenios

A Xunta de Galicia e as entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia poden celebrar convenios ou instrumentos xurídicos asimilables con outras Administracións e entidades públicas e privadas no ámbito das súas respectivas competencias.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, ten asumida a competencia para xestionar o rexistro dos convenios que asine a Xunta de Galicia e as entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia.

O Rexistro de Convenios regúlase polo Decreto 126/2006, do 20 de xullo (DOG núm. 149, do 3 de agosto) e pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno  (DOG núm. 30, do 15 de febreiro), e pretende ser un elemento de mellora dos mecanismos de transparencia e publicidade das actuacións da Administración autonómica galega.

Nesta páxina poñemos a disposición da cidadanía a posibilidade de consultar a base de datos dos convenios asinados pola Xunta de Galicia e polas entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia, tanto da presente lexislatura como de lexislaturas anteriores, motivo polo que se poden efectuar buscas dos convenios polos nomes das actuais consellerías ou polos de anteriores estruturas organizativas.

Finalmente, os cidadáns e cidadás que poidan acreditar a súa identidade por medios electrónicos aceptados como válidos poden solicitar un certificado dos datos máis relevantes dos convenios inscritos, ou tamén solicitar unha copia en formato PDF do texto dos convenios, íntegro ou previamente depurado cando nos mesmos figure información non susceptible de ser revelada de acordo cos límites impostos pola normativa básica en materia de transparencia. Para isto deberase presentar unha solicitude de información pública, preferentemente por vía electrónica, conforme ao procedemento establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia.

No caso dos convenios publicados que fosen asinados a partir do 6 de marzo de 2016 -entrada en vigor da Lei de transparencia e bo goberno- será posible descargar directamente desde a ficha de cada convenio o seu texto íntegro ou previamente depurado, así como a súa memoria xustificativa.

Resultoulle útil a información?