Obxecto:
a Dirección Xeral de Saúde Pública remitiu á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade a documentación correspondente a un anteproxecto de orde, coa finalidade de regular a creación, composición, organización e funcionamento do Consello Técnico Asesor dos Programas de Detección Precoz do Cancro na Comunidade Autónoma de Galicia.
A creación do dito Consello, de carácter eminentemente técnico, entre outros, obedece á necesidade de dispor dun órgano colexiado con capacidade de asesoramento, no ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia, que garanta a transparencia das accións que se están a desenvolver en materia de prevención a través dos programas de cribado de cancro existentes. Todo elo, facilitando un espazo de diálogo entre profesionais, pacientes e sociedade civil.
A construción dunha relación de confianza entre a cidadanía e as institucións sanitarias é fundamental para aumentar a adherencia e a participación da poboación diana nos programas preventivos, entre eles os de detección precoz. A participación activa e informada da cidadanía non só mellora os resultados clínicos, senón que tamén reforza a corresponsabilidade social e a sustentabilidade do sistema sanitario. Así, o Consello Asesor dos Programas de Detección Precoz de Cancro de Galicia nace como un órgano esencial para acompañar este proceso.