Obxecto:
o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, outórgalles ao galego e ao castelán o carácter de linguas oficiais que todos teñen o dereito de coñecer e usar; así mesmo, establece que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas, potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Por outra parte, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica, no seu artigo 2, que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, como linguas oficiais que son da Comunidade Autónoma galega.
Xorde, pois, a conveniencia de regular a habilitación destes especialistas, para o que se ditou o Decreto 267/2002, do 13 de xuño, polo que se regula a habilitación profesional para a tradución e a interpretación xurada doutras linguas para o galego, e viceversa, modificado posteriormente polo Decreto 43/2009, do 26 de febreiro. Esta regulación facilita, ademais, o uso do galego na documentación xurídico-administrativa, económica e científico-técnica, así como nos actos e procedementos que deban ter efectos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia ou que conteñan actuacións procedentes de fóra do seu ámbito territorial.
Despois de que transcorrese un período de tempo suficiente que permite analizar con perspectiva a aplicación do citado decreto, detectáronse determinados aspectos que cómpre modificar a través dunha nova regulación. Así pois, revísanse os contidos das probas co fin de simplificalos e adecualos mellor ás funcións reais dos profesionais da tradución e da interpretación xurada, adáptanse os requisitos para a habilitación directa aos actuais itinerarios da formación superior en tradución e interpretación en Galicia e regúlase a sinatura electrónica aplicada a este ámbito.