Obxecto:
o decreto ten por obxecto a creación, dentro do colectivo de persoal estatutario de nivel licenciado ou graduado (subgrupo A1), da categoría estatutaria de persoal investigador do Servizo Galego de Saúde. Regúlanse tamén o acceso á citada categoría e as súas funcións, ao tempo que se conteñen previsións en materia de cadro de persoal e ordenación de postos de traballo, xornada e retribucións, estancias formativas, incompatibilidades, situacións de excedencia e incorporación a empresas de base tecnolóxica.
Considérase persoal investigador, tal e como o define a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a investigación, o que, estando en posesión da titulación esixida en cada caso, leva a cabo unha actividade investigadora, entendida como o traballo creativo realizado de forma sistemática para incrementar o volume de coñecementos, incluídos os relativos ao ser humano, a cultura e a sociedade, o uso deses coñecementos para crear novas aplicacións, a súa transferencia e a súa divulgación.