Obxecto:
de conformidade co marco competencial exclusivo en materia de asistencia social da Comunidade Autónoma de Galicia e baixo o Sistema de servizos sociais de Galicia regulado na Lei 13/2008, do 13 de decembro, de servizos sociais de Galicia, aprobouse o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, actualmente derrogado polo Decreto 142/2023, do 21 de setembro, e a Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do decreto. Nestas disposicións regúlanse os servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia no ámbito da devandita comunidade autónoma, así como as libranzas recollidas na Lei estatal 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía pesoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e especificamente os seus requisitos e intensidades.
Polo que se refire ás libranzas ou prestacións económicas, na Orde do 2 de xaneiro de 2012 establece a determinación das súas contías e o nivel de protección adicional. Precedida de anteriores modificacións, en virtude da Orde do 30 de novembro de 2023, entre outras, abordouse a modificación da protección adicional da libranza de asistente persoal establecida no artigo 45 e actualizáronse as contías do complemento adicional e do incremento deste complemento nos casos de especial dedicación da devandita libranza recollidas no anexo V.
Cómpre, en virtude do incremento substancial nos últimos anos dos custos asociados a esta prestación como consecuencia do aumento dos custos salariais, mediante a presente orde modificar novamente a protección adicional da libranza de asistente persoal recollida no artigo 45 e en consecuencia, modifícase no anexo V a protección adicional da Comunidade Autónoma de Galicia de maneira que a libranza chegue aos 2.380 euros ao mes e aos 2.661 euros nos casos de especial dedicación. Esta modificación aplicarase con efectos do 1 de maio de 2025 e será realizada de oficio.