Obxecto:
o espazo natural de interese local (ENIL, en adiante) Torre de Hércules, pertencente ao Concello da Coruña (provincia da Coruña), foi declarado de xeito provisional mediante a Orde do 27 de decembro de 2019 (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2020), ao amparo da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.
O plan de conservación tramítase ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, tendo en conta o establecido na disposición transitoria sétima da Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade e a disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
Como paso previo elaborouse un documento base do Plan, que foi sometido a participación pública mediante o Anuncio do 4 de abril de 2024 da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. O devandito documento expúxose ao público durante un período de un (1) mes, recibindo un total de tres (3) escritos con alegacións.
Debido a un fallo na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non estivo dispoñible a consulta do documento base durante varios días, polo que se procedeu a abrir un novo período de participación mediante o Anuncio do 3 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Neste segundo prazo non se recibiu ningún escrito con alegacións.
Analizados os escritos presentados, todas aquelas suxestións consideradas axeitadas en relación á lexislación básica estatal e autonómica en materia de conservación do patrimonio natural foron incorporadas ao proxecto de decreto polo que se aprobará o Plan de conservación do espazo.
En relación aos problemas que pretende solucionar, o Plan de conservación, tras un diagnóstico da situación actual do espazo natural de interese local, determinará as presións e ameazas que está a sufrir o espazo.
O Plan busca a redución destas presións e ameazas a través do desenvolvemento dunha regulación de usos compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos considerados como claves para a declaración como ENIL.
AVISO: o prazo de envío de suxestións abre o día 24 de decembro.