Proxecto de decreto polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia

Órgano ou entidade tramitadora: Consellería de Política Social

Departamento: Consellería de Política Social

Inicio da tramitación: 02/06/2021

Obxecto: a Lei 10/2014, do 3 de decembro, ditouse tendo en conta as previsións contidas no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. A norma ten por obxecto garantirlles ás persoas con discapacidade a igualdade de oportunidades en relación coa accesibilidade universal e co deseño para todos respecto dos contornos, procesos, bens, produtos e servizos, así como en relación cos obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, de modo que estes se fagan comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas, en igualdade de condicións de seguridade e comodidade e do xeito máis autónomo e natural posible.

Para facer plenamente efectivas as medidas establecidas na devandita lei autonómica resulta preciso que o contido das súas disposicións se concreten, como mínimo, para definir a condición de accesible, os parámetros de accesibilidade que se definen no referido Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e a súa normativa de desenvolvemento. Por este motivo, a disposición derradeira primeira da Lei 10/2014, do 3 de decembro, establece que a Xunta de Galicia aprobará o regulamento de desenvolvemento e o código de accesibilidade que conteña todas as normas técnicas aplicables na materia. Coa finalidade de dar cumprimento a este mandato xenérico, así como a remisión específica de desenvolvemento normativo, e en base á habilitación ao Consello da Xunta recollida na súa disposición derradeira terceira, preséntase o presente decreto de aprobación do regulamento de desenvolvemento da Lei.

Estado actual: pendente de aprobación

Prazo para remitir suxestións: pechado desde 06/06/2022

Suxestións recibidas: 120