Obxecto:
a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde elaboraron a Estratexia de oncoloxía de precisión de Galicia, cuxa primeira liña estratéxica é a constitución dun Comité Molecular de Tumores a nivel autonómico que actúe como órgano asesor da estratexia, entre outros, coa finalidade de iniciar de maneira racional as liñas de actuación identificadas como prioritarias para a oncoloxía de precisión, e tamén como órgano consultor que dea soporte no ámbito asistencial á toma de decisións clínicas que se derivan da información e interpretación de achados moleculares complexos en pacientes concretos.
O proxecto de decreto ten por obxecto a creación e a regulación da composición, competencias e funcionamento do Comité Molecular de Tumores do Servizo Galego de Saúde (CMT-G).
No proxecto regúlase, así mesmo, o seu ámbito de aplicación, natureza xurídica e adscrición, composición (determinando a forma de nomeamento e cese dos seus membros), organización e funcionamento, contemplando ademais, expresamente, a posibilidade de que no seu seo poidan crearse grupos de traballo ou solicitarse a colaboración de persoal asesor ou colaborador externo, isto é, profesionais que, pola súa formación e experiencia no ámbito da oncoloxía, bioloxía molecular ou xenética, conten co coñecemento necesario para interpretar información molecular complexa e analizar outros aspectos relacionados coa implantación da estratexia de oncoloxía de precisión.