Orde do 13 de marzo de 2024 pola que se modifica a Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Órgano ou entidade tramitadora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Política Social e Xuventude - Secretaría Xeral Técnica

Inicio da tramitación: 26/01/2024

Data da publicación no DOG: 22/03/2024

Obxecto:

o 8 de abril de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 67 a Orde do 1 de abril de 2016, pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Precedido de dúas modificacións posteriores en virtude da Orde do 28 de decembro de 2017 e da Orde do 5 de febreiro de 2019, cómpre abordar unha nova modificación que recolle, en primeiro lugar, unha revisión da redacción do artigo 3 modificando o alcance dos descontos previstos na actualidade unicamente para o programa Campaña de verán que agora se estende ao resto de programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Así mesmo, estes descontos previstos para as familias numerosas e monoparentais aplicaranse ás familias acolledoras, como familias de especial consideración, polo que se modifica o título e o seu contido.

Cómpre tamén estender os prezos xa establecidos por servizos de aloxamento e manutención nos albergues e residencias integrados na Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) que figuran na letra C do Anexo I a aquelas outras instalacións xuvenís non integradas na citada rede que veñen prestando os mesmos servizos.

Finalmente, a Consellería de Política Social e Xuventude, co fin de facilitar o acceso da mocidade galega aos bens e servizos en condicións máis vantaxosas a través do Carné Xove, considera que a expedición deste carné pase a ser gratuíta para os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos.

Así mesmo, e segundo o acordado pola asemblea da Red Española de Albergues Juveniles (REAJ), igual que outras comunidades autónomas, Galicia deixou de expedir o Carné International Teacher Identity Card (ITIC), o Carné International Youth Travel Card (IYTC) e o Carné International Student Identity Card (ISIC), polo que tamén é necesario eliminar o prezo establecido pola expedición destes carnés na nosa comunidade. Ambos motivos determinan a modificación do Anexo II. 

Estado actual: Aprobada e publicada no DOG