Obxecto:
o obxectivo fundamental desta norma é adaptar o sistema de claves concertadas Chave365 para incorporar sistemas de identificación remota que faciliten a alta no sistema e simplifiquen os procedementos de xestión.
Por outra banda, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia establece no seu artigo noveno que a Xunta de Galicia determinará as medidas necesarias para garantir que os cidadáns galegos e as cidadás galegas residentes fóra de Galicia e mais as entidades galegas asentadas fóra de Galicia teñan acceso por medios electrónicos aos servizos públicos dixitais que lles sexan aplicables, con especial atención ás medidas necesarias para asegurar a provisión dos medios de identificación e sinatura electrónicas abondos para o acceso a tales servizos públicos dixitais.
Así mesmo, as persoas estranxeiras non residentes en España atopan moitas dificultades para obter medios de identificación e sinatura que lles permitan relacionarse electronicamente coas administracións naqueles procedementos nos que poden actuar como persoas interesadas.
Para facilitar a provisión dos medios de identificación e sinatura electrónicas considérase necesario adaptar o sistema de claves concertadas Chave365 para axustalo ás necesidades dos cidadáns non residentes e abrir ademais a posibilidade de utilizalo por persoas estranxeiras non residentes en España.
Ademais a experiencia acumulada dende a entrada en vigor da Orde de 6 de febreiro de 2014, pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, fai necesario introducir algúns cambios ou melloras que repercutan nun máis áxil funcionamento.