Orde do 27 de outubro de 2021 pola que se regula a creación, composición, organización e funcionamento das unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial no Servizo Galego de Saúde
Órgano ou entidade tramitadora: Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria - Servizo Galego de Saúde
Departamento: Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Inicio da tramitación: 16/09/2021
Data da publicación no DOG: 05/11/2021
Obxecto: a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia establece no seu artigo 97 que a modernización do sistema require a introdución de modelos de xestión que dinamicen o servizo público, con fórmulas organizativas que teñan unha visión horizontal e integradora dos procesos asistenciais que superen a compartimentación existente entre niveis asistenciais e especialidades.
A experiencia dos últimos anos pon de manifesto que para unha abordaxe máis adecuada de determinadas patoloxías requírese dunha organización máis transversal, na que profesionais de distintos niveis asistenciais, e pertencentes a diferentes servizos, se coordinen para prestar unha atención integral e, entre outros, acordar e implantar protocolos integrados que repercutan nun maior grado de eficacia e eficiencia da atención sanitaria aos pacientes.
Coa orde que se está a tramitar preténdese establecer un modelo xeral de atención en Unidades Funcionais Multidisciplinares, co fin de outorgar unha atención de máxima calidade a determinadas patoloxías ou especialidades que requiren dunha intervención multidisciplinar.
Trátase de establecer un sistema ou modelo de organización dos recursos asistenciais que o Servizo Galego de Saúde pon a disposición da cidadanía máis eficaz, eficiente e completo, de xeito que no caso de determinadas patoloxías ou problemas médicos que poida padecer unha persoa (paciente) estes sexan atendidos de xeito coordinado polos distintos servizos médicos que se considere preciso que interveñan. Exemplos deste modelo son as Unidades Funcionais Multidisciplinares Post-Covid, ou as de Enfermidades Raras, nas que se observou na práctica as necesidades deste tipo de ordenación e organización funcional.
Estado actual: aprobada e publicada no DOG