Decreto 52/2021, do 18 de marzo, polo que se regulan o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos

Órgano ou entidade tramitadora: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia - Amtega

Departamento: A Presidencia da Xunta - Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Inicio da tramitación: 30/01/2020

Data da publicación no DOG: 30/03/2021

Obxecto: o obxectivo fundamental desta norma é desenvolver o funcionamento do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos,  facilitando unhas relacións máis amplas e máis fluídas e permitindo que terceiras persoas, neste caso o representante ou representantes, poidan actuar directamente en nome doutra persoa para unha xestión máis segura dos seus dereitos e máis áxil das súas pretensións.

No Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, creado polo artigo 40 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, deberanse inscribir, polo menos, os apoderamentos de carácter xeral outorgados apud acta, presencial ou electronicamente, por quen ostente a condición de interesado nun procedemento administrativo a favor de representante para actuar no seu nome ante as Administracións públicas.

No Rexistro autonómico creado polo artigo 41 da mesma Lei 4/2019 constarán:

a) As persoas que ocupen o cargo da alcaldía dos concellos e a presidencia das deputacións provinciais de Galicia
b) As persoas titulares dos órganos das administracións públicas galegas e das entidades vinculadas ou dependentes
c) As persoas que ocupen a dirección dun centro educativo público autonómico, dunha delegación da Xunta de Galicia no exterior, das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia ou dun centro de investigación ou tecnolóxico da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) As persoas representantes das entidades galegas asentadas fóra de Galicia e inscritas no Rexistro da Galeguidade.
e) As persoas titulares doutros cargos non incluídos nas alíneas anteriores cando resulte de interese para os fins que motivan a creación deste rexistro, e que así se determinen regulamentariamente.

Estado actual: aprobada e publicada no DOG