Orde do 26 de febreiro de 2020 pola que se crea a Comisión galega de seguridade clínica e calidade asistencial dos servizos de urxencias hospitalarias e se establece a súa composición, organización e funcionamento
Órgano ou entidade tramitadora: Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria - Servizo Galego de Saúde
Departamento: Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Inicio da tramitación: 10/02/2020
Data da publicación no DOG: 04/03/2020
Obxecto: Ao igual que calquera sistema de atención sanitaria, os servizos de urxencias hospitalarias teñen como obxectivo garantir unha atención de calidade, segura e centrada no paciente. Para iso é necesario analizar os procesos de atención e establecer os requisitos de calidade que deben cumprir, identificando os puntos críticos e os riscos para a seguridade do paciente, que deben ser analizados e avaliados para identificar e priorizar as accións de tratamento necesarias para eliminalos ou, de non ser posible, establecer os controis e barreiras necesarias para minimizar a súa frecuencia e o seu impacto no paciente.
Neste contexto, o Servizo Galego de Saúde considera unha prioridade a creación dunha Comisión Galega de Seguridade Clínica e Calidade Asistencial dos servizos de urxencias hospitalarios como un órgano colexiado de asesoramento e multidisciplinario que consensúe, coordine e desenvolva accións específicas para a optimización dos procesos asistenciais que constitúen a atención urxente co obxectivo de garantir unha asistencia de calidade, segura e centrada no paciente. Coa creación da comisión, preténdese homoxeneizar os procesos asistenciais da atención urxente mediante o desenvolvemento de programas, protocolos e estratexias que incidan na optimización da calidade asistencial e a seguridade clínica do paciente. A comisión estará integrada por persoal de servizos centrais (Consellería de Sanidade – Servizo Galego de Saúde), por profesionais das sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde así como da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia (061).
Estado actual: aprobada e publicada no DOG