-
Antecedentes:
A Constitución Española (art. 3) recoñece o galego como lingua oficial na Comunidade Autónoma de Galicia xunto co castelán, e o Estatuto de Autonomía para Galicia institúe o galego como a lingua propia de Galicia e encomenda aos poderes públicos galegos a obriga de garantir o uso normal e oficial de ambos os idiomas e promover o galego en todos os ámbitos públicos.
Esta norma ten como antecedentes a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que no seu artigo 25 establece que o Goberno Galego fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís,e máis tarde, en 2004, o Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG),que recollía como unha das medidas dirixidas ao ámbito socioeconómico a creación dun distintivo oficial, e actualmente o novo Plan xeral de normalización da lingua galega que establece como un dos seus obxectivos o de distinguir e recoñecer publicamente as empresas comprometidas coa lingua, e de deseñar un selo oficial ou certificación de "Empresa Comprometida coa Lingua Galega".
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A normalización lingüística continúa sendo unha materia pendente en ámbitos industriais, comerciais e empresariais, a utilización do galego nas grandes empresas e multinacionais con sede en Galicia é residual, tamén no conxunto do sector servizos aínda predominan dinámicas pouco favorables ao galego ou mesmo o sector tercnolóxico segue presentando grandes carencias.
Este novo decreto impúlsase co fin de fomentar, impulsar e visibilizar o uso da lingua galega no ámbito socioeconómico, así como promover unha cultura empresarial comprometida cos dereitos lingüísticos e ofrecerlles ás entidades recoñecidas un selo distintivo como un instrumento de prestixio.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Esta norma representa un mecanismo axeitado para fomentar, impulsar e visibilizar o uso da lingua galega no ámbito socioeconómico e fomentar a normalización do uso do galego.
Este selo distintivo da Xunta de Galicia recoñece a aquelas persoas físicas, empresas ou entidades, no ámbito territorial de Galicia que destaquen no ámbito da súa responsabilidade social empresarial, pola utilización da lingua galega.
A finalidade da implantación deste selo é polo tanto pór en marcha un selo oficial ou certificación de "Empresa Comprometida coa Lingua Galega" que recoñeza as empresas que impulsen o uso do galego na súa actividade, con criterios transparentes e proporcionados.
-
Obxectivos:
A finalidade da norma é impulsar, fomentar e visibilizar o emprego da lingua galega nas entidades do ámbito socioeconómico, para avanzar na incorporación e extensión do seu uso, así como ofrecer un proceso de avaliación adaptado, e proporcionar asesoramento no proceso de incremento ou afianzamento do uso da lingua galega.
As entidades que obteñan este selo poderán facer uso del nas súas comunicacións, publicidade e imaxe corporativa e beneficiarse da súa consideración como elemento de valoración preferente, criterio de desempate ou mérito específico nos procedementos administrativos nos que así se estableza.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Non existen.
-
Rango da norma:
Decreto