-
Antecedentes:
A regulación contida no anteproxecto de decreto enmárcase no disposto na Directiva 91/676/CEE, do Consello, do 12 de decembro, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos utilizados na agricultura, e no Real decreto 47/2022, do 18 de xaneiro, sobre protección das aguas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias, que traspón a citada directiva.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A día de hoxe, na Comunidade Autónoma de Galicia non se teñen declarado zonas vulnerables de acordo coa Directiva 91/676/CEE e o Real decreto 47/2022, do 18 de xaneiro, toda vez que non se ten acreditada a orixe agraria da presenza de nitratos nas augas, segundo o esixido na normativa de aplicación. O informe de presións e impactos, que serven de base para acreditar a orixe dos nitratos, atópase a día de hoxe en fase de elaboración por parte do Goberno central e non se rematou aínda, e polo tanto non se dispón nesta data dos datos definitivos e concluíntes sobre as presións agropecuarias, urbanas e outras que poidan considerarse significativas.
En todo caso, con este anteproxecto de decreto preténdese concretar, o procedemento a seguir para, se é o caso, determinar as zonas vulnerables á contaminación por nitratos de orixe agraria na Comunidade Autónoma de Galicia e para a aprobar os programas de actuación.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Conforme aos principios de necesidade e eficacia, a norma responde a unha razón de interese xeral consistente na protección das augas fronte á contaminación por nitratos de orixe agraria e na adecuada aplicación no ámbito autonómico do previsto no Real decreto 47/2022, do 18 de xaneiro. Constitúe o instrumento idóneo para ordenar o procedemento de designación de zonas vulnerables, así como a elaboración dos códigos de boas prácticas agrarias e dos programas de actuación, permitindo cumprir de forma efectiva cos obxectivos ambientais perseguidos.
-
Obxectivos:
O obxectivo deste decreto é a determinación das actuacións dirixidas a reducir e evitar a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a concreción do procedemento aplicable en Galicia e a determinación dos órganos autonómicos competentes en cada caso. En particular determinar o procedemento aplicable na Comunidade Autónoma para a designación das zonas vulnerables, a elaboración dos códigos de boas prácticas agrarias e dos programas de actuación, no marco establecido polo Real decreto 47/2022, do 18 de xaneiro, sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Co fin de desenvolver actuacións que eviten e reduzan a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias na Comunidade Autónoma de Galicia resulta necesario concretar, no ámbito da comunidade autónoma o procedemento para a designación de zonas vulnerables á nitratos de orixe agrario, de ser o caso, coa conseguinte elaboración do Código de Boas Prácticas e a aprobación de programas de actuación, nos supostos en que sexa preciso.
-
Rango da norma:
Decreto