-
Antecedentes:
A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece que a política da Administración autonómica terá, en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros obxectivos o establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, á xestión e á explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos. Entre as medidas de conservación e xestión que recolle a dita lei figura a adopción, logo de audiencia do sector afectado, de plans de xestión definidos como medidas reguladoras da actividade pesqueira e marisqueira.
O Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas, establece que a extracción dos recursos xerais estará suxeita ao Plan xeral de explotación marisqueira aprobado con carácter trianual pola Consellería do Mar.
En base ao anterior esta consellería aprobou a Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
No comezo do ano 2026 numerosas borrascas afectaron a Galicia, así detectáronse ata 6 períodos concatenados de baixada de salinidade que tiveron unha duración e intensidade compatibles con mortalidades severas de moluscos bivalvos infaunais nos bancos marisqueiros.
Unha vez finalizado o evento de choivas aplicouse o protocolo de avaliación de mortalidades desenvolvido polo CIMA no 2023, que permite determinar niveis de mortalidade moderada ou severa segundo limiares específicos. En base a este documento, realizáronse as necesarias mostraxes e, unha vez analizados os resultados, emitíronse os correspondentes informes nos que se puideron verificar os niveis de mortalidade dos distintos plans de xestión.
Como resultado final das mortalidade constatadas tiveron que adaptarse numerosos plans de xestión de acordo co procedemento establecido polo Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas e coa Orde de 21 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 establecendo medidas técnicas de conservación extraordinarias consistentes na prohibición da actividade marisqueira nestas zonas de forma temporal coa finalidade de protexer ás poboacións de moluscos bivalvos comerciais.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A Orde pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 en consonancia co Decreto 153/2019, do 21 de novembro estableceu o réxime necesario para que a explotación marisqueira en Galicia se realice coas garantías de desenvolver unha explotación sustentable dos recursos marisqueiros xerais, e tendo en conta aspectos de carácter ambiental, social e económico.
A situación actual dos bancos marisqueiros non permiten, ás entidades titulares, deseñar dunha maneira realista as propostas dos plans de xestión. Nesa mesma liña esta consellería non disporía da información necesaria para poder avaliar a súa inclusión no plan xeral de explotación marisqueira xa que a situación ambiental, social e económico dun número importante de plans de xestión se veu comprometida polas mortalidades de moluscos bivalvos.
Asemade, nun número importante de plans de xestión vixentes na actualidade, debe darse continuidade ás medidas técnicas de conservación extraordinarias actuais.
-
Obxectivos:
O obxectivo principal desta norma é ampliar a vixencia dos plans de xestión aprobados para o trienio 2024-2026, nun período de tempo suficiente para que se proporcione estabilidade xurídica e administrativa ao sector durante o período de recuperación das poboacións de moluscos bivalvos comerciais que, en xeral, podese establecer nun marco temporal de 2 a 4 anos.
A prórroga dos plans con vixencia 2024-2026 permitiría realizar traballos de recuperación dos bancos mediante tarefas que realizarán as persoas mariscadoras e da súa organización referentes á conservación, mantemento, recuperación ou mellora dos hábitats e zonas de produción, así como de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros que se levarán a cabo durante o período necesario para que as poboacións de moluscos bivalvos se recuperen para poder levar a cabo unha extracción ambiental, social e economicamente sostible.
En todo caso, resulta necesario que se concentre o esforzo técnico e administrativo na mellora da situación ecolóxica dos bancos marisqueiros para que a recuperación das poboacións de moluscos bivalvos se realice nas mellores condicións posibles.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Ante a situación actual non se considera posible conseguir os obxectivos indicados con solucións alternativas regulatorias e non regulatorias, pois faise necesario a modificación e ampliación da vixencia dos plans de xestión aprobados pola Orde do 21 de decembro de 2023.
-
Rango da norma:
Orde