Orde pola que se establece o currículo dos ciclos formativos de grao medio na Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

Departamento: Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 26/03/2026 - 09/04/2026

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e o seu desenvolvemento mediante o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, e o Real decreto 499/2024, do 21 de maio, polo que se modifican determinados reais decretos polos que se establecen títulos de formación profesional de grao medio e se fixan as súas ensinanzas mínimas, estableceron, entre outras cuestións, os elementos básicos do currículo das distintas ofertas do Sistema de Formación Profesional. 

    No exercicio das súas competencias, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou o Decreto 20/2026, do 9 de marzo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia.

    Unha vez definido este marco de ordenación, resulta necesario completar o seu desenvolvemento normativo mediante a aprobación da regulación específica dos currículos dos ciclos formativos de grao medio, correspondentes á oferta de grao D e nivel 2 do Sistema de Formación Profesional, conducentes á obtención do título de Técnico/a, en coherencia coa normativa básica estatal, o Decreto 20/2026  e coas necesidades do tecido produtivo e social de Galicia.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A implantación do novo Sistema de Formación Profesional require o desenvolvemento autonómico dos currículos dos ciclos formativos de grao medio, que permita a implantación ordenada destas ensinanzas. A ausencia desta regulación pode xerar diferenzas no seu desenvolvemento entre os centros educativos e reduce a seguridade xurídica do sistema, afectando aos centros, ao profesorado e ao alumnado.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Unha vez aprobado o marco autonómico de ordenación e organización da formación profesional, resulta necesario e oportuno completar o seu desenvolvemento mediante a aprobación da normativa específica que estableza os currículos dos ciclos formativos de grao medio, garantindo a súa adecuación ao novo modelo estatal derivado da Lei orgánica 3/2022.

    A aprobación desta orde permitirá unha implantación homoxénea, coherente e xuridicamente segura dos ciclos formativos de grao medio en Galicia, así como a súa adaptación ás necesidades do tecido produtivo, social e territorial.

  • Obxectivos:

    Son obxectivos do proxecto de orde:

    • Establecer os currículos dos ciclos formativos de grao medio correspondentes á oferta de grao D e nivel 2 na Comunidade Autónoma de Galicia, adecuándoos ás necesidades actuais e futuras do sistema produtivo galego.
    • Desenvolver e concretar, no ámbito curricular, o disposto na normativa básica estatal e no Decreto 20/2026.
    • Garantir unha implantación homoxénea destas ensinanzas en todos os centros educativos da Comunidade Autónoma.

     

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non é posible conseguir os obxectivos indicados con solucións alternativas reguladoras e non reguladoras.

  • Rango da norma:

    Orde

Achegas e opinións recibidas: 5