Orde pola que se regula a avaliación e a acreditación na formación profesional no ámbito educativo

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

Departamento: Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 26/03/2026 - 09/04/2026

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e o seu desenvolvemento mediante o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, introduciron modificacións no réxime de avaliación, cualificación, acreditación e titulación académica do alumnado, así como na estrutura e organización das distintas ofertas formativas.

    No exercicio das súas competencias, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou o Decreto 20/2026, do 9 de marzo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia.

    Unha vez definido este marco de ordenación, resulta necesario completar o seu desenvolvemento normativo mediante a aprobación dunha norma específica que regule de maneira homoxénea a avaliación,  a acreditación e a certificación académica do alumnado de formación profesional, incluíndo o proceso de acreditación de competencias, garantindo a súa adecuación á normativa básica estatal e autonómica.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A normativa autonómica vixente en Galicia en materia de avaliación, acreditación e certificación foi aprobada con anterioridade á entrada en vigor do novo marco normativo estatal e autonómico e non incorpora algúns dos cambios introducidos pola nova normativa.

    Esta situación dificulta a aplicación homoxénea da normativa, podendo xerar diferenzas na súa aplicación entre centros educativos e reduce a seguridade xurídica do sistema, afectando ao alumnado, ao profesorado e aos propios centros.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación e a Lei orgánica 3/2022 establecen o marco xeral da avaliación e da titulación académica nas ensinanzas de formación profesional.

    Pola súa banda, o Real decreto 659/2023 regula o dereito a unha avaliación obxectiva, os criterios comúns de avaliación, de certificación, de titulación e de acreditación nas distintas ofertas do Sistema de Formación Profesional.

    Neste contexto, e unha vez aprobado o marco autonómico de ordenación e organización da formación profesional polo Decreto 20/2026, resulta necesaria e oportuna a aprobación dunha nova orde que adecúe a normativa autonómica ao novo marco estatal e garanta unha aplicación homoxénea, coherente e xuridicamente segura en Galicia.

  • Obxectivos:

    A orde que se proxecta ten como obxectivos:

    • Regular a avaliación, cualificación, promoción, certificación e titulación académica do alumnado que curse ensinanzas de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
    • Regular as probas libres para a superación de módulos profesionais.
    • Regular o procedemento  de acreditación de competencias.
    • Establecer criterios comúns que garantan a obxectividade, transparencia e equidade do proceso de avaliación.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non é posible conseguir os obxectivos indicados con solucións alternativas reguladoras e non reguladoras.

  • Rango da norma:

    Orde

Achegas e opinións recibidas: 4