-
Antecedentes:
Na actualidade, as bibliotecas de Galicia están reguladas pola Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia. Esta norma mantivo en gran parte a vixencia do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas. Sen embargo a situación das bibliotecas galegas mudou nestes últimos 13 anos e moito máis a xestión e os procedementos nos últimos 25. As bibliotecas convertéronse en espazos non só de acceso á lectura e á cultura para todas as persoas, senón tamén en lugares de convivencia social, de acceso libre e igualitario ao coñecemento e uns dos lugares onde se constrúen os novos valores democráticos.
É preciso que a norma que regula as bibliotecas evolucione e recoñeza estas novas realidades e servizos que deben prestar estes equipamentos culturais de primeiro nivel e que permita a mellora da súa xestión.
Ao mesmo tempo, é necesario ampliar a regulación do patrimonio bibliográfico de Galicia e a súa preservación, xunto coa xestión do Depósito Legal, como elemento de conservación da produción bibliográfica, sonora, visual, audiovisual e dixital, producida ou editada en Galicia, ampliando a regulación que ata o momento realiza a Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia no seu Capítulo VII e o Capítulo VI da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, respectivamente.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Cómpre incorporar na regulación das bibliotecas unha visión acorde ás novas funcións que están adoptando as bibliotecas pola demanda da sociedade e que a vixente normativanon contempla.
Ao mesmo tempo, é preciso reordenar o ámbito actual da lei, do Sistema de Bibliotecas e da Rede de bibliotecas, as definicións, funcións e principios básicos acorde aos establecidos polos organismos internacionais, europeos e nacionais, así como delimitar o ámbito competencial, os novos servizos, o réxime sancionador e as referencias ao desenvolvemento regulamentario.
Tamén é necesario ampliar a regulación do patrimonio bibliográfico de Galicia e a súa preservación e conservación, xunto coa xestión do Depósito Legal, que ata agora realizan as Leis 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia e 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia para conseguir un réxime eficaz que estableza un sistema de actuación garantista para todos as institucións e os actores implicados na conservación e na difusión do acervo patrimonial bibliográfico de Galicia, debido a que a regulación actual limítase a determinar conceptos básicos e réxime sancionador.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Tendo en conta os cambios sociais nos dereitos de acceso á cultura e, en concreto á lectura, na xestión da información derivados da sociedade do coñecemento, da dixitalización e da IA, cómpre unha nova regulación das bibliotecas e o seu valor dentro do ecosistema cultural galego, do papel das institucións titulares e das profesionais bibliotecarias e bibliotecarios, que garantan os dereitos culturais, a diversidade, a accesibilidade universal á lectura, ao coñecemento e á información veraz e de calidade; así como a súa consideración como un ben público esencial que permiten e fomentan o acceso transversal á cultura e ao coñecemento.
Tamén é preciso ampliar a regulación da protección e preservación do patrimonio bibliográfico de Galicia fronte ao risco que corre de desaparición ou o esquecemento; regular os dereitos e obrigas das institucións e dos seus titulares para fomentar a súa preservación, o seu acceso universal e gratuíto a través de novos sistemas que permiten, non só identificalo, conservalo e difundilo, senón tamén enriquecelo a través de novos recursos semánticos, capaces de enlazar datos para mostrar informacións más amplas, accesibles, veraces e de maior calidade.
-
Obxectivos:
Incorporar á normativa que regula o sistema bibliotecario de Galicia á realidade da demanda social actual e aos novos canles de información e do coñecemento é imperiosa so pena de que Galicia, as súas institucións bibliotecarias e o seu acervo patrimonial bibliográfico non se axusten ás demandas sociais ou poida perderse para sempre.
Cómpre reordenar e actualizar os servizos bibliotecarios poñendo especial atención, ademais da promoción da lectura e o acceso ao coñecemento en todas as súas manifestacións e canles, outros como a difusión e promoción do patrimonio lingüístico; a accesibilidade universal, a alfabetización dixital, a atención á diversidade e inclusión no acceso aos servizos bibliotecarios; a cooperación con organizacións culturais, educativas e sociais, de acordo cos principios do pluralismo de ideas e obras publicadas, con exclusión de todas forma de censura ou de presión comercial.
Ao mesmo tempo, cómpre fomentar a conservación e a difusión do patrimonio bibliográfico, en especial para o avance do coñecemento e da investigación.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A consecución destes obxectivos realizarase mediante a redacción dunha nova lei de bibliotecas e do patrimonio bibliográfico de Galicia. Ao mesmo tempo, a Consellería promoverá un Plan de Dinamización da Lectura e continuará co apoio técnico e económico a todos os titulares das bibliotecas públicas integradas da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Fomentarase que a Biblioteca de Galicia, como cabeceira do noso Sistema Bibliotecario, realice todas as accións encamiñadas á identificación, catalogación, conservación, difusión e dixitalización e poña en marcha outras medidas de preservación do noso patrimonio bibliográfico como, por exemplo, accións formativas para persoal bibliotecario e a elaboración de pautas de actuación para a conservación do fondo local patrimonial.
-
Rango da norma:
Lei