-
Antecedentes:
Os principais marcos normativos e lexislativos precedentes desta norma son, no ámbito internacional, a Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948, como instrumento de loita pola igualdade entre homes e mulleres, un documento esencial para todas as conferencias e resolucións que se adoptaron posteriormente a nivel mundial; e a Convención sobre a eliminación de todas as formas de Discriminación contra a Muller de 1979.
No ámbito europeo, cabe destacar a Directiva 2006/54/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 5 de xullo de 2006, relativa á aplicación do principio de igualdade de oportunidades e igualdade de trato entre homes e mulleres en asuntos de emprego e ocupación, que foi adoptada para eliminar a discriminación de xénero no traballo.
Respecto á normativa estatal e autonómica, a Constitución Española de 1978 proclama a igualdade ante a lei de todos os españois, sen que poida prevalecer discriminación algunha baseada no sexo ou noutra condición ou circunstancia persoal ou social; a Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de homes e mulleres, que establece que as políticas e accións que fomenten a igualdade deben adaptarse aos sectores produtivos específicos, como o sector pesqueiro, que require medidas que respondan á súa realidade particular; e o Plan para a Igualdade de Xénero no Sector Pesqueiro e Acuícola 2021-2027, que promove a inclusión das mulleres en todas as esferas do sector. Respecto á normativa autonómica, a Lei 7/2023, de 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia determina que a Administración xeral da Comunidade Autónoma, no marco das súas competencias, promoverá o dereito á igualdade de trato e de oportunidades en todos os ámbitos, sempre desde unha perspectiva interseccional, e que, para ese fin, deberá ter en conta, no deseño e desenvolvemento das políticas públicas, as realidades específicas que atinxen as mulleres no sector marítimo-pesqueiro.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
No sector marítimo-pesqueiro, aínda que tradicionalmente as mulleres foron excluídas dos labores produtivos, asumindo principalmente tarefas domésticas e de coidado, tamén participaron activamente, desde épocas temperás, en diversas tarefas produtivas fundamentais para o sustento das súas comunidades. A pesar de que durante moito tempo este labor desenvolveuse sen o recoñecemento xurídico e social pleno que merecía, xa que se consideraba un traballo complementario ás tarefas domésticas e subordinado ás actividades masculinas, o seu papel foi crucial para a economía familiar e o equilibrio social. Este fenómeno pode identificarse como un claro exemplo de segregación horizontal, en tanto manifestación dun trato discriminatorio que se aprecia na distribución desigual dos sexos nas diferentes ocupacións do sector. No caso do sector pesqueiro, as mulleres tendían a concentrarse en traballos estacionais, de menor retribución e, en moitos casos, de menor prestixio. O marisqueo a pé e os labores na industria conserveira son exemplos paradigmáticos de ocupacións maioritariamente desempeñadas por mulleres, que foron tradicionalmente menos valoradas que outras actividades vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro, realizadas maioritariamente por homes.
O traballo das mulleres no sector tamén se caracteriza pola súa maior proximidade ao fogar, o que facilitaba a conciliación dos labores produtivos coas responsabilidades domésticas e de coidados. Esta característica, non obstante, tamén contribuíu á creación dunha fenda entre as actividades produtivas tradicionalmente femininas, que permanecían en terra, e as masculinas, que xeralmente requirían embarcarse por longos períodos de tempo. Este tipo de segregación contribuíu á diferenciación de xénero no sector, facendo que as mulleres estivesen asociadas a tarefas menos visibles, a pesar de ser esenciais para o funcionamento da industria pesqueira.
A pesar destas dificultades, a industrialización do sector non logrou reducir a brecha de xénero. As mulleres continuaron predominando en actividades de transformación de produtos do mar, como a conservación, pero os seus salarios seguiron sendo máis baixos en comparación cos dos homes, debido á percepción de que o seu traballo tiña un menor valor. Ademais, os riscos asociados ás súas tarefas, moitas veces menos evidentes que os das actividades masculinizadas, tampouco foron adecuadamente recoñecidos.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Esta participación constante e polifacética das mulleres do sector marítimo-pesqueiro, xunto coas súas características específicas, avala a necesidade dun recoñecemento xurídico propio que visibilice e dignifique a súa contribución histórica e presente.
Co presente Estatuto preténdese recoñecer os seus dereitos e impulsar accións para eliminar a discriminación que sofren no seu entorno, fomentar o seu recoñecemento profesional, promover o seu apoderamento neste ámbito, así como garantir o exercicio efectivo dos seus dereitos profesionais, sociais, laborais e de participación.
-
Obxectivos:
O Estatuto recollerá as medidas necesarias para implementar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos do sector marítimo-pesqueiro, mellorar as condicións laborais e de benestar das mulleres do referido sector, e impulsar o seu apoderamento e liderado.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A Lei 7/2023, de 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, no artigo 147.3, establece que a Administración xeral da Comunidade Autónoma promoverá o apoderamento e a participación activa das mulleres nestes ámbitos, rural e mar, a través da elaboración e aprobación dos seus respectivos estatutos, no prazo e nas condicións estipulados na disposición adicional quinta.
Nesta disposición establécese que, co obxectivo de dar cumprimento ao disposto no artigo 147.3, a Administración xeral da Comunidade Autónoma procederá a aprobar, no prazo máximo dun ano, contado a partir da entrada en vigor desta lei, e en diálogo coas entidades representativas das mulleres no rural e no sector marítimo-pesqueiro, os seguintes instrumentos:
- O Estatuto das mulleres do rural.
- O Estatuto das mulleres do sector marítimo-pesqueiro.
O Estatuto apróbase mediante decreto, alternativa regulatoria consecuencia de ditarse en desenvolvemento dunha disposición legal.
-
Rango da norma:
Decreto