- 
								Antecedentes: O Estatuto das mulleres do rural de Galicia xorde como desenvolvemento do disposto no artigo 147 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que implanta a obrigatoriedade de elaborar estatutos específicos para as mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro. Esta iniciativa encádrase no marco da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, que establece medidas para garantir a igualdade no rural (art. 30).  
- 
								Problemas que se pretenden solucionar: A aprobación deste Estatuto supón un paso decisivo no cumprimento dos compromisos institucionais da Xunta de Galicia en materia de igualdade e desenvolvemento rural, ao tempo que representa un recoñecemento explícito da diversidade das mulleres que viven no rural, xa sexan traballadoras do sector primario, coidadoras, emprendedoras ou persoas excluídas do mercado laboral. Ademais, constitúe un avance relevante na integración da perspectiva de xénero en todas as políticas públicas dirixidas ao medio rural, contribuíndo á cohesión territorial, á loita contra o despoboamento e ao impulso do relevo xeracional. En conxunto, este Estatuto establece un precedente normativo que sitúa a Galicia na vangarda estatal en materia de igualdade no ámbito rural. 
- 
								Necesidade e oportunidade da súa aprobación: A aprobación desta norma é necesaria para corrixir as desigualdades que afectan ás mulleres do rural galego, recoñecer o seu papel no desenvolvemento territorial e garantirlles igualdade real de oportunidades. Ao tempo, supón unha oportunidade para dar cumprimento ao mandato legal da Lei 7/2023, incorporar a perspectiva de xénero nas políticas rurais e contribuír á loita contra o despoboamento e ao impulso do relevo xeracional. 
- 
								Obxectivos: O Estatuto das mulleres do rural de Galicia ten como obxectivo garantir a igualdade real entre mulleres e homes no rural, recoñecendo os dereitos das mulleres ao emprego, á formación, aos recursos e á participación na vida pública. Busca promover o apoderamento feminino mediante o apoio ao emprendemento, a titularidade compartida, a visibilización do seu traballo e a súa presenza nos órganos de decisión, ademais de prever medidas contra a violencia e o acoso laboral. Tamén pretende incorporar a perspectiva de xénero nas políticas públicas rurais, impulsar a conciliación, a dixitalización e o acceso á información, contribuíndo así a un rural máis xusto, inclusivo e sostible. 
- 
								Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias: Outras solucións non regulatorias serían os plans ou programas sectoriais, convenios con entidades ou o reforzo de liñas orzamentarias existentes. 
- 
								Rango da norma: Decreto