-
Antecedentes:
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria foi creada polo Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dotándoa de personalidade xurídica propia e atribuíndolle, entre outras funcións, a programación, coordinación e seguimento da formación agraria en Galicia. Esta formación abrangue tanto ensinanzas regradas como non regradas, dirixidas a persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras, ás súas organizacións, e a aquelas interesadas en incorporarse ao sector primario.
O marco normativo en vigor inclúe, entre outros, o Decreto 247/2000, do 29 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de capacitación agraria. Este decreto regula a capacitación agraria e o recoñecemento de entidades colaboradoras; a Orde do 17 de marzo de 2009, que desenvolve o procedemento de inscrición no rexistro de entidades e a homologación de cursos; e a Orde conxunta do 14 de abril de 2009 das consellerías do Medio Rural e de Sanidade, que regula a formación en produtos fitosanitarios. Ademais, normas específicas como o Decreto 60/2007, do 22 de marzo, sobre benestar animal; o Decreto 296/2008, do 30 de decembro, sobre experimentación animal; o Real decreto 53/2013, do 1 de febreiro e a Orde ECC/566/2015, do 20 de marzo; así como o Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, sobre uso sostible de fitosanitarios, completan este sistema formativo regulado.
Cada unha destas disposicións establece procedementos diferenciados para a xestión de entidades, cursos e certificacións.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
As diferentes áreas formativas, como son as ensinanzas asociadas ao proceso de Incorporación á Empresa Agraria, as de actualización e perfeccionamento profesional do sector agroforestal, accións formativas para a cualificación profesional das persoas en materia de agricultura, gandaría, industria agroalimentaria, silvicultura e as súas familias, para o desenvolvemento rural e forestal, formación esixible en materia de benestar animal nas explotacións e de protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos, aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios, persoal que manexa animais de experimentación animal, etc.) seguen regulacións distintas, con procedementos separados para o recoñecemento das entidades, inscrición en rexistros, homologación de cursos e expedición de certificados, polo que resulta necesario homoxeneizar a regulación nesta materia.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Resulta necesario establecer un marco común que regule, de forma clara e homoxénea, todas as fases que conforman o ciclo completo das actividades formativas impartidas por entidades colaboradoras no ámbito agrario e de protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos. Isto inclúe o recoñecemento inicial das entidades como colaboradoras, a homologación das especialidades formativas que se poden impartir, a execución dos cursos e a expedición de carnés profesionais, certificados, diplomas ou acreditacións oficiais.
Cada unha destas fases responde actualmente a procedementos administrativos diferenciados, con regulacións específicas segundo a área formativa (benestar animal, fitosanitarios, incorporación á actividade agraria, experimentación animal...). Isto determina a necesidade unificar estes procesos nunha norma común, que permita racionalizar a xestión e mellora a súa eficiencia.
Ademais, a evolución das esixencias legais e tecnolóxicas, xunto co incremento da formación en liña, fan imprescindible adaptar os procedementos a novos contextos formativos. A nova norma, polo tanto, resulta oportuna para dar resposta a estas necesidades, simplificar trámites, reforzar a seguridade xurídica e asegurar o acceso á formación actualizada e recoñecida no sector agrario.
-
Obxectivos:
Os principais obxectivos da norma son os seguintes:
a) Unificar e racionalizar os procedementos de xestión das actividades formativas impartidas por entidades colaboradoras no ámbito da formación agraria e de protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos.
b) Establecer un marco normativo común para o recoñecemento, inscrición e mantemento nos rexistros, homologación das accións formativas e expedición dos certificados correspondentes.
c) Adaptar os módulos formativos ás novas necesidades legais e tecnolóxicas, promovendo a calidade e a eficiencia do sistema formativo agrario.
d) Reforzar a seguridade xurídica, a transparencia e a accesibilidade dos procedementos, prestando atención á modalidade de formación en liña e ás novas ferramentas dixitais, reducindo as cargas administrativas e facilitando a participación das entidades colaboradoras na formación profesional e continua no sector agrario.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A actualización da normativa relativa á formación agraria e de protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos impartida por entidades colaboradoras podería abordarse mediante modificacións puntuais das normas vixentes. Non obstante, as transformacións que se pretenden introducir afectan de maneira substancial a todos os procedementos implicados: desde o recoñecemento das entidades colaboradoras, pasando pola homologación das especialidades formativas, ata a avaliación da execución dos cursos e a expedición das certificacións correspondentes.
Dado o alcance da revisión que se require, e a necesidade de integrar nun marco común materias actualmente reguladas en diversas normas, considérase que a vía máis adecuada é a aprobación dun novo decreto que unifique, simplifique e actualice toda a regulación neste ámbito.
-
Rango da norma:
Decreto