Decreto polo que se modifica o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Departamento: Consellería do Mar - Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 21/07/2025 - 08/08/2025

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Os antecedentes directos da norma veñen marcados pola lexislación comunitaria, nacional e autonómica. A nivel comunitario o Regulamento (UE) 2019/1241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xuño de 2019, sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas destinadas á captura e o desembarque de recursos biolóxicos mariños, regula a utilización das artes de pesca e a interacción das actividades pesqueiras cos ecosistemas mariños. As devanditas medidas técnicas deben figurar como instrumentos de apoio á aplicación da PPC adoptando un enfoque que incremente a eficacia das devanditas medidas e centrado na adaptación da estrutura da gobernanza. No que respecta a nivel nacional, figura o Real Decreto 502/2022, do 27 de xuño, que ten como cometido a regulación do exercicio da pesca nos caladoiros nacionais.

    A nivel autonómico, o Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á comunidade autónoma, nos seus artigos 27º e 28º, a competencia exclusiva en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura, así como a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado no ámbito da ordenación do sector pesqueiro. En exercicio destas competencias ditouse a Lei 11/2008, do 11 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establecendo no seu artigo 6 que a política da Administración autonómica terá como obxectivos, en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros, o establecemento e a regulación das medidas dirixidas á conservación, á xestión e á explotación responsable, racional e sostible dos recursos mariños vivos. A súa vez, o artigo 7 da devandita lei sinala que a Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente na materia e logo da audiencia do sector afectado, poderá adoptar medidas de conservación e xestión da pesca e do marisqueo, a regulación e as características técnicas das artes, aparellos e útiles permitidos, así como o seu modo de emprego para o exercicio da pesca e do marisqueo.

    Por último, o conxunto de disposicións normativas básicas de carácter autonómico e relacionadas coa pesca e o marisqueo concrétanse no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 153/2015, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas; e na Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que faenan en augas da Comunidade Autónoma de Galicia. Por unha parte, o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, establece as dimensións, características e uso dos aparellos de anzol que deben estar debidamente clasificadas, definidas e reguladas co fin de garantir unha explotación racional e sostible dos recursos mariños, á vez que establece o horario de traballo do marisqueo a pé de diversos recursos específicos, sendo esta unha medida que inflúe directamente no esforzo pesqueiro aplicado na explotación dos recursos. Por outra parte, no Decreto 153/2019, do 21 de novembro, a explotación dos recursos marisqueiros en Galicia organízase fundamentalmente a través de plans de xestión de vixencia trianual, en cuxa elaboración e desenvolvemento participan conxuntamente a Consellería do Mar e as entidades asociativas do sector, a través dun sistema de coxestión.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    O escenario normativo actual da pesca galega, derivado da ausencia de determinadas medidas técnicas na normativa estatal, comunitaria e autonómica, da experiencia acumulada e transmitida polos profesionais do sector e pola comunidade científica, da evolución tecnolóxica xurdida ao redor de determinados aparellos de anzol e da súa mecanización a bordo das embarcacións, así como dos cambios derivados da propia evolución do sector pesqueiro e marisqueiro, implican a necesidade de modificar e actualizar o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, no que respecta aos aparellos de anzol. En concreto, no que respecta á modificación relativa á adaptación ás necesidades do sector sobre a clasificación e catalogación dos aparellos de anzol en Galicia, coa finalidade de adaptalo ás novas exixencias normativas, tecnolóxicas e ecolóxicas. Á súa vez, é oportuno modificar a Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para as embarcacións que faenan en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto, deixando sen efecto a actualización do rexistro da actividade pesqueira cada tres meses ao non estar achegando unha mellora no desenvolvemento da actividade pesqueira, senón que resulta un trámite administrativo que non xustifica a súa necesidade substancial.

    Por outra parte, é preciso flexibilizar o horario de traballo extractivo do marisqueo a pé no marco dos plans de xestión para recursos marisqueiros xerais nun marco amplo para optimizar o desenvolvemento da actividade marisqueira e permitir un control axeitado da mesma. A optimización dos horarios da actividade do marisqueo pé implica a eliminación da excepción establecida no artigo 8.3 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, e a adaptación dos horarios para a extracción de diversos recursos específicos. Por último cabe salientar que os plans de xestión teñen un enfoque baseado na coxestión e gobernanza dos recursos marisqueiros, coa participación do sector produtor do marisqueo na elaboración dos plans e na asunción de responsabilidades na xestión sostible dos recursos. Polo tanto, é neste marco que pode abordarse a flexibilización do horario, mentres que no caso do marisqueo a pé exercido nas zonas de libre marisqueo é  necesario que se manteña como na actualidade. 

    Polo tanto, os problemas principais que se pretenden solucionar son: i) efectuar a necesaria revisión sobre a clasificación, definición e actualización dos aparellos de anzol, co fin de adaptalo ás novas exixencias normativas, tecnolóxicas e ecolóxicas, así como outorgar seguridade xurídica ás flotas pesqueiras que operan con palangres; ii) deixar sen efecto a actualización do rexistro da actividade pesqueira cada tres meses ao non estar achegando unha mellora no desenvolvemento da actividade pesqueira, resultando un trámite administrativo que non xustifica a súa necesidade substancial, causando deste modo un prexuízo ao sector pesqueiro; e iii) establecer un horario de traballo do marisqueo a pé de diversos recursos específicos, considerada como unha medida que inflúe directamente no esforzo pesqueiro aplicado na explotación dos recursos. 

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    En primeiro lugar, a ausencia dunha clasificación e definición adecuada dos aparellos de anzol na normativa autonómica obriga a revisar as medidas técnicas que atinxen aos aparellos de anzol empregados na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de establecer unha regulación diferenciada respecto do palangre de fondo. Así, queda probado a través de diversos informes e estudos técnicos e científicos que o palangre de fondo adopta unhas características técnicas claramente diferentes daqueles palangres destinados á captura de especies que manteñen un hábitat demersal e semipeláxico afastado do fondo mariño, obrigando así a manter unha clasificación diferenciada. Neste sentido, as últimas medidas adoptadas pola Unión Europea respecto da cualificación xenérica das “artes de pesca de fondo”, sumado á evolución e ao perfeccionamento tecnolóxico de determinados palangres que seguen catalogados erroneamente como palangres de fondo, así como á importancia que ten para Galicia o feito de crear unha nova clasificación e definición dos palangres, confirman que é necesario introducir unha nova modalidade de aparello de anzol, denominada e identificada como “palangre demersal ou semipeláxico”. Polo tanto, preténdese modificar os artigos 15, 19, 20, 21 e 22 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro.

    En segundo lugar, para poder dar unha solución ao problema que se pretende resolver coa nova norma precísase realizar unha modificación do horario do marisqueo establecido nos artigos 147, 160.3, 161.3 e 162.3 e do período de actividade do artigo 8.3, do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

    En terceiro e último lugar, o apartado 8 do artigo 7 da Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que faenan en augas da Comunidade Autónoma de Galicia establece que “os patróns e armadores das embarcacións do censo de artes menores deberán actualizar o rexistro da actividade pesqueira, aínda que non teña lugar o cambio de arte, cunha periodicidade de tres meses”. A este respecto, vense comprobando que a actualización do rexistro da actividade pesqueira cada tres meses non está achegando unha mellora no desenvolvemento da actividade pesqueira, resultando, deste modo, un trámite administrativo que non xustifica a súa necesidade substancial, polo que se debe deixar sen efecto esta esixencia. Ademais, cómpre actualizar e modificar os apartados 1 e 2 do artigo 2, apartado 3 do artigo 5, e os apartados 3 e 6 do artigo 7 da citada orde.

  • Obxectivos:

    En primeiro lugar, introducir unha nova modalidade de aparello de anzol diferente ao palangre de fondo, comunmente coñecida como “palangre de pedra-bóla”, ao considerar que adopta unha caracterización e uns fundamentos técnicos cunha estrutura e composición que lle outorga unha categoría propia e claramente diferenciada do palangre de fondo. Esta nova modalidade de aparello de anzol adopta un contacto mínimo co leito mariño a través duns pequenos lastres, configurando así unha estrutura xeométrica en forma de W que o distancian considerablemente do fondo gracias ao equilibrio determinado pola combinación alternativa da pedra-bóla, o que o leva a ser denominado como “palangre demersal ou semipeláxico”.

    En segundo lugar, a norma pretende optimizar o desenvolvemento da actividade extractiva organizada e realizada ao abeiro dos plans de xestión, modificando a regulación do horario da actividade de marisqueo a pé de recursos xerais e de diversos recursos específicos de forma que se estableza un marco horario amplo.

    En terceiro e último lugar, deixar sen efecto o apartado 8 do artigo 7 da Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que faenan en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, ao considerar que a actualización do rexistro da actividade pesqueira cada tres meses non achega unha mellora no desenvolvemento da actividade pesqueira, nin resulta un trámite administrativo que xustifique a súa necesidade, evitando así un prexuízo ao sector pesqueiro galego.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Por tratarse dun proxecto normativo que modifica parcialmente un decreto, considérase que non existe outra opción que a aprobación dunha disposición regulamentaria do mesmo rango xurídico que a norma modificada.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 6