Antecedentes:
Sobre a base das competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e do litoral (artigo 27.3 do EAG) aprobouse a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Esta lei define por vez primeira o litoral de Galicia como unha franxa de largura variable a ambos os dous lados da beira do mar, na que se produce a interacción entre a natureza, as comunidades humanas e as actividades socioeconómicas que se sustentan na existencia ou na influencia do mar. Esta franxa esténdese cara ao interior ata o límite administrativo dos concellos costeiros ou, de o superar, o límite interior dos espazos naturais protexidos que radiquen neles; e mar a fóra, ata o límite exterior do mar territorial, ben que exclusivamente para o exercicio das competencias que o Estatuto de autonomía recoñece explicitamente neste medio ou ás que deban realizarse no mar pola natureza da competencia, tal e como resulta da interpretación do bloque da constitucionalidade.
Os fins perseguidos pola lei están en íntima conexión coas ideas xa expostas: a consideración do litoral como unha entidade continua e única; a xestión responsable dos recursos naturais; a protección do medio ambiente; a prevención e a redución dos efectos dos riscos naturais; a protección, a conservación e a mellora da calidade das augas do litoral de Galicia; a tripla dimensión da sostibilidade: ambiental, económica e social, que orienta a ordenación do litoral; a cohesión social e a mellora da calidade de vida da poboación do litoral de Galicia; o apoio aos sectores produtivos mediante accións que favorezan o mantemento das poboacións litorais que viven do mar e garantan o desenvolvemento das súas actividades por medio da explotación sostible, equilibrada e responsable dos recursos; o impulso dun turismo litoral diversificado, desestacionalizado e de calidade; a protección, a conservación e a mellora do patrimonio cultural do litoral; ou o fomento da cultura do litoral, a través de accións de sensibilización, divulgadoras e de formación da sociedade galega; a preservación e a recuperación das zonas costeiras, da súa diversidade e das súas especies protexidas,así como dos seus sistemas ecolóxico, xeomorfolóxico e hidrolóxico; e a coherencia entre as iniciativas das distintas entidades públicas e privadas, priorizando sempre aquelas que teñan como obxectivo a conservación, a recuperación e a protección públicas.
En coherencia co anterior, o artigo 3 da lei establece entre os seus fins: a protección, a conservación e a mellora do patrimonio cultural do litoral a través de accións orientadas á súa posta en valor, á súa recuperación e á súa rehabilitación; e o artigo 58 da mesma norma establece que:
De conformidade cos fins establecidos no artigo 3 desta lei, as administracións públicas promoverán a protección, a conservación e o acrecentamento do patrimonio cultural do litoral, a través de accións orientadas á súa posta en valor, á súa recuperación e á súa rehabilitación.
Nos termos establecidos na normativa de costas, aos bens declarados de interese cultural ou catalogados que se atopen situados no dominio público marítimo-terrestre, na zona de servidume de tránsito, de servidume de protección ou de influencia aplicaránselles as medidas derivadas do devandito réxime con preferencia ás contidas na normativa de costas.
Así mesmo, nos núcleos que fosen obxecto dunha declaración de conxunto histórico, zona arqueolóxica, lugar de valor etnolóxico ou sitio histórico serán aplicables as medidas derivadas do devandito réxime con preferencia ás contidas na normativa de costas, sempre que se aprobase o plan correspondente conforme o previsto na normativa do patrimonio cultural de Galicia.
3. Cando os bens de interese cultural ou catalogados estean situados no dominio público marítimo-terrestre, quen pretenda o seu uso privativo deberá obter o título habilitante previsto no artigo 48 desta lei, que recollerá no conxunto das súas cláusulas as obrigas que a lexislación do patrimonio cultural impón aos posuidores dos bens.
Porén, cando a declaración ou a catalogación se promovan sen existir manifestación de interese no aproveitamento privativo do ben, a consellería competente en materia de patrimonio cultural impulsará a subscrición dun convenio de colaboración coa Administración xeral do Estado, titular do ben, para os efectos de establecer un réxime concertado de protección. Ata a subscrición do convenio, correspóndelle á persoa titular do ben cumprir as obrigas derivadas da lexislación do patrimonio cultural.
4. Cando os bens de interese cultural ou catalogados estean situados na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, a declaración de interese cultural ou a catalogación non eximirá da obtención da autorización autonómica ou do réxime de declaración responsable regulados no artigo 49 e rexerase en todo o demais pola normativa do patrimonio cultural de Galicia.
5. Cando se trate de bens declarados de interese cultural ou catalogados con anterioridade á entrada en vigor desta lei, os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural para os efectos de verificar que as intervencións requiridas polo novo uso non poñen en perigo os valores que aconsellaron a súa protección.
6. Sobre todos os bens de interese cultural e catalogados do litoral poderán realizarse as intervencións que correspondan ao seu nivel de protección, de entre as previstas na normativa do patrimonio cultural de Galicia, incluídas as de ampliación en planta, con carácter complementario a unha actuación de rehabilitación, en volumes diferenciados e sempre que resulten imprescindibles para desenvolver o uso proposto.
Non se considerará aumento de volume a reconstrución destinada a completar un estado previo dos bens arruinados utilizando partes orixinais deles cuxa autenticidade e posición orixinal se poidan acreditar.
7. Nos termos da alínea 3 do artigo 2, as actuacións no espazo mariño do litoral que poidan afectar o patrimonio cultural subacuático de Galicia estarán suxeitas ao réxime de intervención da consellaría competente en materia de patrimonio cultural establecido na normativa do patrimonio cultural de Galicia.