Lei de educación dixital de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 19/02/2025 - 10/03/2025

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A experiencia vivida durante a pandemia demostrou a capacidade tecnolóxica do sistema educativo como un elemento clave para garantir o acceso a educación en igualdade. Non obstante, este tamén foi un momento fundamental para identificar as necesidades de regular cuestións sobre o uso de ferramentas dixitais na contorna educativa e nos procesos de ensino-aprendizaxe. A sensibilidade social ante o avance de vertixe dos sistemas de IA xenerativo, xunto co potencial cada vez máis patente e delicado en analíticas de datos mediante procesos avanzados, son tamén antecedentes que fundamentan o desenvolvemento desta norma.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Esta norma pretende favorecer o desenvolvemento dun ecosistema educativo no que os elementos dixitais acheguen valor aos procesos de ensino-aprendizaxe ao longo de todas as fases e aspectos do proceso educativo, minimizando os seus posibles riscos asociados e garantindo a redución de posibles fendas socio-económicas, persoais, de acceso etc. para garantir unha educación de calidade, equitativa, inclusiva e igualitaria, sen renunciar a ningún dos recursos que teñen demostrado a súa eficacia (como aqueles baseados no papel e lapis) pero engadindo as potencialides dos avances tecnolóxicos desde o máximo respecto aos dereitos e liberdades de todas as persoas.

    • Minimización da fenda dixital
    • Control de riscos asociados ás contornas tecnolóxicas e dixitais
    • Calidade, equidade e inclusión educativas
    • Máximo desenvolvemento do potencial das comunidades educativas
    • Garantía dos dereitos e liberdades das persoas integrantes das comunidades educativas
    • Organización para o cumprimento coherente e efectivo de diferentes obrigas legais
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Afrontar con seguridade e certezas os novos retos de transformación social que se están producindo neste eido e que atinxen de xeito directo ao sistema educativo, regulando os dereitos e deberes de todos os membros da comunidade educativa -administracións públicas, centros educativos, docentes, alumnado e familias- ante a nova realidade derivada da transformación dixital no ensino.

  • Obxectivos:

    Fomentar unha educación dixital equitativa, accesible, inclusiva, segura e de calidade en Galicia.

    O novo texto lexislativo abranguerá todo o ecosistema STEM nun senso amplo, o que vai moito máis aló do uso de pantallas e dispositivos electrónicos, xa que abordará os principios e habilidades da ciencia e da matemática na resolución de retos que supoñan o despregamento do pensamento computacional, o pensamento de deseño, o desenvolvemento de competencias chave como a competencia dixital ou aprender a aprender, a competencia cidadá ou a competencia STEM e a competencia para o desenvolvemento da autonomía persoal e o emprendemento. Ademáis trata de poñer as bases para o mellor aproveitamento das oportunidades derivadas da Intelixencia Artificial.

    O seu obxectivo último é garantir un sistema educativo eficaz e da máxima eficiencia de cara a potenciar o éxito educativo e a dotación ao alumnado de todos os niveis educativos das ferramentas necesarias para levar adiante o seu proxecto profesional e vital coas mellores perspectivas posibles e nun contorno seguro.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A consecución dos obxectivos marcados debe partir dun texto legal que asente uns principios básicos e fundamentais a partir dos cales poidan arbitrarse medidas ou estratexias singulares.

  • Rango da norma:

    Lei

Achegas e opinións recibidas: 660