Lei de Administración Local de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Administración Local

Departamento: Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes - Dirección Xeral de Administración Local

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 11/02/2025 - 25/02/2025

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, tiña como obxectivo facer fronte á definición do papel da nosa comunidade autónoma en relación coas administracións locais e á peculiar organización dos asentamentos urbanos en Galicia.

    A experiencia dos 28 anos de vixencia demostrou que a técnica normativa empregada nesta norma revelouse pouco práctica, reproducindo en moitas ocasións a normativa básica estatal en materia de réxime local, que sufriu desde o ano 1997 ao redor de trinta modificacións, introducindo importantes cambios na configuración da administración local.

    Tamén desde o ano 1997 a Lei de Administración Local de Galicia foi obxecto de modificacións no seu contido, operadas polas seguintes normas: Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa; Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia; Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior; Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo; Lei 2/2015, do 29 de abril, de Emprego Público de Galicia e Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

    Sen embargo estas modificacións non tiveron como obxectivo a súa adecuación normativa ás bases estatais en materia de réxime local xerándose un escenario de inseguridade xurídica que aconsella a súa substitución por unha nova norma que teña en conta a nova realidade da Administración Local. Tampouco estas modificacións abordaron a necesidade de adaptación a normas tan importantes como a Lei 39/2015 e a Lei 40/2015 e as leis sectoriais de importante calado no réxime local, como contratos ou transparencia.

    Tendo en conta o tempo transcorrido e á vista do exposto anteriormente, faise necesario e conveniente proceder á aprobación dunha nova lei de administración local de Galicia.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A nova lei é imprescindible para adaptar o ámbito local galego á importante transformación experimentada como consecuencia dos profundos cambios tecnolóxicos, sociais e normativos producidos nos últimos trinta anos. 

    Asi, preténdese establecer as especialidades para as entidades locais galegas acorde coa súa actual situación, co obxecto de resolver os problemas e as necesidades detectadas nos últimos anos e mellorar o seu réxime interno de organización e funcionamento mediante a incorporación dos principios da nova xestión pública.

    Igualmente preténdese ofrecer una norma cunha sinxela técnica normativa dirixida á simplificación e claridade do novo texto legal, sen reproducir a normativa básica estatal, que permita unha lectura totalmente actualizada para poder resolver os problemas actuais, tendo en conta o carácter bifronte das entidades locais e a complexa articulación da normativa básica e estatal. Evitaríase así a necesidade de ter que reformar a norma autonómica cada vez que se modifique a normativa básica estatal e o perigo, en caso de non facelo, de quedar desactualizada, xerando unha situación de inseguridade xurídica.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Tras 28 anos de aplicación, resulta necesario dar unha axeitada resposta ás necesidades actuais das entidades locais galegas e resolver os problemas aos que se enfrontan na xestión pública local diaria, ofrecendo aos seus destinatarios (persoal técnico e político) unha ferramenta coa que desenvolver o mellor servizo á cidadanía.

  • Obxectivos:

    • A adaptación da regulación local galega á realidade municipal e demográfica actual, proporcionando ferramentas que garantan a calidade da prestación dos servizos municipais
    • A potenciación da autonomía local e a potestade de autoorganización das entidades locais galegas.
    • A oferta ás entidades locais galegas dun amplo catálogo de fórmulas para garantir o exercicio das competencias municipais e a prestación dos servizos públicos básicos.
    • O reforzamento do papel das Deputacións Provinciais como garantía da autonomía municipal.
    • O fortalecemento da coordinación e colaboración da comunidade autónoma coas entidades locais galegas.
    • A modernización da organización e funcionamento das entidades locais a través dun modelo de xestión pública local moderno, innovador e acorde cos novos paradigmas de Goberno Local.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Considérase necesaria a tramitación dunha nova Lei para que as entidades locais galegas teñan un instrumento eficaz e adaptado aos cambios experimentados pola sociedade e a tecnoloxía no século XXI, co obxectivo último de lograr unha mellor prestación dos servizos á cidadanía.

  • Rango da norma:

    Lei