Decreto polo que se regula a creación, transformación e disolución de centros museísticos de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Cultura

Departamento: Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude - Dirección Xeral de Cultura

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 13/12/2024 - 27/12/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Comunidade Autónoma de Galicia aprobou en 2021 a primeira lei galega reguladora do sector museístico galego. A Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, serviu para encher un baleiro normativo e dotar de seguridade xurídica a este sector.

    A lei regula no artigo 13 e seguintes o réxime de creación e cualificación de centros.

    A norma que agora se promove desenvolve o texto legal nos aspectos que teñen que ver coa creación, trasnformación e disolución de centros museísticos que non sexan de titularidade pública autonómica (estes teñen un réxime de creación propio que esixe un decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia).

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A norma pretende incidir na resolución de cuestións relacionadas coa necesidade de:

    • Normalizar as solicitudes de creación, transformación e disolución de centros museísticos.
    • Axilizar e dotar de seguridade xurídica as actuacións das entidades promotoras de centros.
    • Visibilizar os centros que se incorporen ao Sistema galego de centros museísticos.
    • Definir con exactitude os contidos dos plans museolóxicos que deben acompañar a solicitude de creación de centros.
    • Mellorar o control sobre o patrimonio cultural de Galicia.
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A entrada en vigor da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, dotou o sector de seguridade xurídica e de visibilidade. Isto propiciou un crecente interese por parte das entidades que desenvolven algún tipo de actividade museística en ter recoñecidos os seus centros e en integrarse no Sistema galego de centros museísticos. Con todo, sentadas as bases legais, é preciso un desenvolvemento regulamentario que complete máis polo miúdo os aspectos procedementais relacionados coa creación, transformación e disolución dos centros museísticos promovidos por entidades alleas á Administración autonómica de Galicia.

    Ao mesmo tempo, faise preciso dotar o Sistema galego de centros museísticos dun elemento identificativo dos seus centros, cuestión esta prevista na lei e demandada polo sector.

    Finalmente, ademais de normalizar os procedementos que afectan ao sector, cómpre aclarar, dende o punto de vista normativo, aqueles aspectos que tradicionalmente xeraron máis problemas respecto da documentación asociada á creación de centros, especialmente no que se refire aos plans museolóxicos, os cales permiten centrar a natureza, liñas programáticas, obxectivos, así como a información necesaria relativa aos seus programas e áreas de actividade. Tales aspectos deben estar perfectamente regulados a nivel normativo.

  • Obxectivos:

    Coa regulación deste decreto búscase afianzar a idea de que só os centros oficialmente creados son considerados museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación.

    O obxectivo final é mellorar a visibilidade dos centros museísticos e, sobre todo, contribuír a unha maior profesionalización e prestixio dos museos e demais centros museísticos de Galicia.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Para poder regular o procedemento de creación, transformación e disolución de centros museísticos de Galicia previsto na Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, a única alternativa pasa pola regulación mediante decreto. Non existe, por tanto, outra alternativa posible.

  • Rango da norma:

    Decreto