-
Antecedentes:
A comunidade autónoma galega ten a competencia para regulamentar a prestación de servizos dos talleres de reparación de vehículos automóbiles, así como dos seus equipamentos e compoñentes, fundamentada no artigo 30º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, que lle atribúe a Galicia a competencia exclusiva en materia de industria. O Decreto 70/2011, do 7 de abril, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes, derrogou o Decreto 206/1994, do 16 de xullo, polo que se adapta a normativa vixente en materia de prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos e dos seus equipamentos e compoñentes, e serviu para adaptar a lexislación galega en materia de talleres de reparación de vehículos automóbiles á Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos do mercado interior, e á lexislación de ámbito nacional, en concreto ao Real Decreto 455/2010, do 16 de abril, que modifica o Real Decreto 1457/1986, do 10 de xaneiro, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes.
O Decreto 108/2017, do 2 de novembro, modificou o Decreto 70/2011, do 7 de abril, para introducir unha serie de cambios relativos á incorporación de dúas novas especialidades, a adaptación do texto ás normas de tramitación electrónica, a inclusión dun parágrafo relativo á protección de datos de carácter persoal, a modificación da estrutura da placa distintiva e a regularización do orzamento polos servizos que prestan os talleres.
O Real Decreto 542/2020, de 26 de maio, polo que se modifican e derogan diferentes disposicións en materia de calidade e seguridade industrial, modificou os artigos 6.3, 7.5 e Anexo II do Real Decreto 1457/1986, do 10 de xaneiro, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes, en relación coa placa distintiva dos talleres. Estas modificacións non se traspuxeron á lexislación galega.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
O cambio de paradgima na relación entre as empresas e os consumidores, onde na actualidade cada vez ten máis presenza o emprego de novas teconoloxías que permiten a tramitación telemática de diversos procedementos, fai necesaria unha revisión da viabilidade de implantar medidas que permitan o emprego destas tecnoloxías na relación entre as empresas prestadoras de servizos de reparación de vehículos automóbiles e os consumidores. Esta relación, tradicionalmente de carácter presencial, co desplazamento dos clientes aos talleres para concertar un servizo ou aceptar ou rexeitar un orzamento, pódese ver simplificada co emprego de novas tecnoloxías.
Así mesmo, en materia de consumo, cómpre revisar se o sistema de garantías regulado no dereito interno é congruente coa regulación específica da garantía que establece o RD 1457/1986.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A implantación de ferramentas e medios telemáticos na xestión da actividade entre as empresas prestadoras de reparación de vehículos automóbiles e os consumidores simplificaría a operativa e ofrecería garantías aos consumidores por canto existiría unha constatación da aceptación ou rexeitamento dun orzamento ou dun traballo a realizar. Tamén permitiría unha maior trazabilidade na prestación do servizo e unha maior comunicación entre a empresa e o consumidor.
No caso do sistema de garantías, permitiría comprobar que o sistema actual é consonte á normativa e congruente coas necesidades que requiren este tipo de servizos.
A revisión do deseño das placas distintivas dos talleres permitirá que estas se unifiquen co modelo de placa distintiva da lexislación estatal.
-
Obxectivos:
Un obxectivo é a adaptación da normativa autonómica recollida no Decreto 70/2011, do 7 de abril, ás necesidades e estilos de vida actuais. Hoxe en día, en numerosos ámbitos, está normalizado o emprego de dispositivos móbiles debido aos beneficios e facilidades que ofrecen aos cidadáns, coma no caso da banca e das aseguradoras. O emprego deste tipo de tecnoloxías non supón un detrimento da calidade no servizo recibido e permite simplificar as transaccións aos usuarios.
Outro obxectivo é garantir que o sistema de garantías responda ás necesidades do sector e dos consumidores, e que este sistema respecta os intereses de ambos axentes, así como da normativa que resulte de aplicación.
Por último, a adaptación do deseño das placas distintivas dos talleres permitirá a todos os usuarios, residentes ou non na Comunidade Autónoma de Galicia, identificar as ramas de actividade e as especialidades do taller, de acordo cun modelo de placa distintiva único para todo o Estado.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Non se considera oportuno unha medida diferente á modificación do Decreto 70/2011, do 7 de abril. O emprego doutras fórmulas, como unha orde, unha instrución ou circulares, non se consideran oportunas para regular unha actividade tan importante, economicamente e no relativo á seguridade, como son os talleres de reparación de vehículos automóbiles.
-
Rango da norma:
Decreto