Decreto polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Departamento: Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional - Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 07/11/2024 - 21/11/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A formación permanente do profesorado de centros educativos sostidos con fondos públicos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (CECUFP) está regulada polo Decreto 74/2011, do 14 de abril, e ten un desenvolvemento de 13 anos neste momento. Con esta norma desenvolveuse unha nova estrutura de Rede de Formación, creouse o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e reformuláronse as funcións dos Centros de Formación e Recursos (CFR) que reciben esta denominación con esta norma e as do Servizo de Formación do Profesorado.

    Segundo iso, e dende a publicación deste decreto, é o Servizo o organismo encargado de coordinar a Rede, establecer os plans estratéxicos e avaliar o éxito da súa execución, promover e xestionar convocatorias e programas e aplicar modelos de avaliación aos plans formativos, ademais de rexistrar a formación permanente.

    Os CFR están encargados da formación nos centros e do apoio e asesoría aos docentes no seu ámbito de actuación, compartindo estas funcións co CAFI, que ademais diso ten a responsabilidade de xestionar toda a formación a distancia; deseñar, elaborar e avaliar os plans de formación; promover, desenvolver e avaliar programas de innovación e intercambio e poñer a disposición do colectivo docente contidos e recursos educativos e dixitais.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Tras un percorrido de 13 anos de desenvolvemento do decreto, parello aos cambios que se produciron tanto a nivel autonómico como estatal e europeo, cómpre actualizar a normativa de formación permanente do profesorado ás novas realidades e demandas que se lle presentan á persoa docente no seu desenvolvemento profesional. 

    Dende unha perspectiva social e económica é preciso atender aos cambios vertixinosos producidos recentemente e dende a COVID-19, como son a deslocalización da formación, a dixitalización dos procesos formativos a todos os niveis sen esquecer a fenda dixital, o cambio climático e as súas consecuencias socioeconómicas, a irrupción da IA na educación, a globalización e ampliación do Espazo Europeo, o aumento da mobilidade da poboación, o incremento da multiculturalidade nas aulas, os cambios nas estruturas familiares etc. Ao tempo que muda a sociedade, mudan a formación e as demandas que se lle presentan ao profesorado, polo que é preciso actualizar a norma para atender e dar resposta a novas modalidades formativas, e tamén á certificación e rexistro de todas esas novas modalidades. 

    Eses cambios na realidade docente requiren unha forte adaptación por parte do profesional docente e fanse precisos novos modelos competenciais para eles e elas que debullen as súas especificidades, co gallo de telas en conta tanto para o deseño da formación como para o seu seguimento e avaliación e para a creación de itinerarios formativos de centro e individuais. Neste sentido é preciso abordar o deseño de modelos competenciais para colectivos e funcións específicas, como son a función directiva, a función orientadora, a asesoría e a inspección. É preciso tamén avanzar nas propostas de colaboración tanto dende a perspectiva de estratexia formativa e de aprendizaxe permanente dentro das propias estruturas da CECUFP e do Servizo, coma con outros organismos e institucións. 

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Cómpre, xa que logo, e dende unha perspectiva institucional, dar cabida ás demandas normativas e institucionais de orixe internacional. Así, é imprescindible observar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030 das Nacións Unidas dende a responsabilidade da función educativa e incorporar á normativa en formación do profesorado a Axenda Dixital con todas as medidas para a dixitalización urxente da sociedade promovidas dende a Unión Europea, no caso da Rede de Formación como axente responsable no relativo a persoal docente e alumnado. 

    É preciso tamén adaptar a normativa aos cambios nas propostas procedentes de Europa en relación á execución dos Programas Europeos (Erasmus+ 2021-2027, eTwinning nas edicións actuais e vindeiras). Cómpre atender aos cambios producidos a nivel estatal a nivel lexislativo en materia educativa e curricular e adaptar a norma á Lomloe, e por suposto tamén a aqueles producidos a nivel autonómico, como o que supuxo a reestruturación orgánica da Xunta de Galicia e polo tanto da CECUFP, coas consecuentes variacións nas responsabilidades e competencias deste Servizo e da propia Rede de Formación do Profesorado.

    Estes requirimentos normativos condensan a necesidade dunha nova regulación e abren a porta a unha oportunidade bosquexada xa e que precisa ampliación: o desenvolvemento dunha formación competencial holística segundo o novo modelo de Competencias Profesionais Docentes en Galicia que atinxa a todos os perfís profesionais docentes e que conecte de xeito sólido a formación inicial coa formación permanente do profesorado nun diálogo continuado e acompasado que sexa capaz de seguir de xeito dinámico o devir da sociedade. O comezo desta nova lexislatura supón unha oportunidade para abordar este necesario cambio.

  • Obxectivos:

    Esta norma ten por obxectivo regular o modelo (planificación, estrutura, organización e funcionamento) de formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas non universitarias establecidas na Lei orgánica de educación en centros educativos sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo como formación permanente o conxunto de actuacións e actividades, dirixidas ao profesorado de ensinos non universitarios, que promoven a súa actualización, así como o perfeccionamento e a mellora continua das súas competencias profesionais para o desempeño das súas funcións docentes e tendo en conta que a formación permanente é un dereito e un deber do profesorado e dos centros educativos e unha responsabilidade da Administración educativa. 

    Deste xeito é obxectivo da norma regular o xeito no que se planificarán as actividades de formación permanente do profesorado, garantir unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades e establecer as medidas oportunas para favorecer a participación do profesorado nelas.

    Tal desenvolvemento ten como finalidade última a promoción e o desenvolvemento profesional do profesorado para contribuír á mellora da calidade da educación, conxugando a súa necesaria actualización para facer fronte ás novas necesidades e demandas da sociedade actual, coa resposta que debe dar ás súas expectativas de mellora no exercicio profesional, aprendizaxe, promoción e satisfacción laboral. En última instancia, a formación permanente do profesorado e, polo tanto, a nova norma que se propón, están encamiñadas a acadar a excelencia da práctica e da actividade educativa como elemento clave para a mellora permanente da educación do alumnado.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Poderían contemplarse como solucións alternativas ou máis ben como solucións de emerxencia a publicación de ordes, resolucións e instrucións que fosen dando cobertura ás demandas emerxentes. Porén, o amplo número de demandas xurdidas nos últimos anos, e as que virán, reforzan a necesidade de regular un paraugas normativo para todas elas que facilite as accións pertinentes en cada caso e axilice a súa execución.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 9