Antecedentes:
O artigo 148.1.3 da Constitución española dispón que as comunidades autónomas poden asumir a competencia sobre «ordenación do territorio, urbanismo e vivenda». Así o fixo Galicia, recoñecendo a citada competencia e incluíndo, ademais, a ordenación «do litoral», ao dispoñer no artigo 27.3 do seu Estatuto de autonomía (en diante, EAG) que «no marco do presente estatuto corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva sobre as seguintes materias: 3. Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda».
Sobre a base das competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e do litoral (artigo 27.3 do EAG) aprobouse a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que se fundamenta, ademais, noutros títulos competenciais cando as súas previsións se proxectan sobre o mar, tales como a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura (artigo 27.15 do EAG) e sobre os portos autonómicos (artigo 27.9 do EAG), a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro (artigo 28.5 do EAG) e portos pesqueiros (artigo 28.6 do EAG), ou a competencia de execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo (artigo 20.3 do EAG) e verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego (artigo 29.4 do EAG), por citar os títulos máis significativos. Débense engadir á anterior relación as competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ambiente, que foron progresivamente perfiladas polo Tribunal Constitucional na interpretación do artigo 149.1.23 da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia exclusiva para ditar a «lexislación básica sobre a protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección», e da asunción estatutaria das competencias, como a realizada no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, ao recoñecer a competencia exclusiva da materia «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23».
Como indica o artigo 1.2 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, a ordenación e xestión integrada do litoral comprende, entre outros aspectos, o establecemento dunha organización administrativa do litoral que garanta a xestión integrada a través de técnicas adecuadas e efectivas de coordinación, colaboración, cooperación e participación.
No capítulo II do título preliminar da Lei 4/2023, do 6 de xullo, establécese que o deseño, a aprobación e a xestión dos instrumentos de ordenación do litoral, así como a toma de decisións sobre os usos e actividades que se realicen no litoral, se basearán no enfoque ecosistémico e na xestión integrada, respectando os principios de desenvolvemento sustentable, precaución ou cautela, prevención, non-regresión, quen contamina paga, participación e uso das mellores e máis recentes evidencias científicas dispoñibles e dos coñecementos tradicionais (artigo 4).
En virtude do anterior, o capítulo VI da Lei 4/2023, do 6 de xullo, refírese aos Órganos de participación, consulta e asesoramento: a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o Foro do Litoral de Galicia.
O artigo 16.1 da devandita norma crea o Foro do Litoral de Galicia como o máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de ordenación do litoral, integrado polas Administracións, as universidades, os organismos científicos, as organizacións dos sectores produtivos, as organizacións ambientais e aquelas que teñan por obxectivo a defensa e a protección do patrimonio cultural.
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Coa súa aprobación darase cumprimento ao artigo 16.2 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que crea o Foro do Litoral de Galicia como o máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de ordenación do litoral, integrado polas Administracións, as universidades, os organismos científicos, as organizacións dos sectores produtivos, as organizacións ambientais e aquelas que teñan por obxectivo a defensa e a protección do patrimonio cultural.
Con este novo paso, o Goberno galego continúa avanzando no desenvolvemento da Loxilga.
Obxectivos:
O futuro decreto terá por obxecto a regulación da composición e o réxime de funcionamento do Foro do Litoral, para o cumprimento dos fins e a realización das funcións que lle atribúe a Lei 4/2023, de 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia como o máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de ordenación do litoral, integrado polas Administracións, as universidades, os organismos científicos, as organizacións dos sectores produtivos, as organizacións ambientais e aquelas que teñan por obxectivo a defensa e a protección do patrimonio cultural.
O Foro do Litoral de Galicia estará adscrito á consellería competente en materia de medio ambiente. Determinará regulamentariamente a composición e o réxime de funcionamento do Foro do Litoral como novo órgano de participación, consulta e asesoramento.