Decreto polo que se regula o exercicio da pesca marítima profesional e a ordenación da frota pesqueira en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Departamento: Consellería do Mar - Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 01/08/2024 - 05/09/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Os antecedentes directos da norma veñen marcados pola lexislación comunitaria, nacional e autonómica. A nivel comunitario, o Regulamento (UE) 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, sobre a política pesqueira común (PPC), inclúe no seu ámbito de aplicación a conservación dos recursos biolóxicos mariños e a xestión da pesca e das frotas dedicadas á explotación dos devanditos recursos. Ademais, a PPC debe garantir que as actividades da pesca contribúan á sostibilidade medioambiental, económica e social a longo prazo e ao aumento da produtividade para alcanzar un nivel de vida adecuado para o sector pesqueiro. Pola súa parte, e dun modo máis específico, o Regulamento (UE) 2019/1241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xuño de 2019, sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas destinadas á captura e o desembarque de recursos biolóxicos mariños, regula a utilización das artes de pesca e a interacción das actividades pesqueiras cos ecosistemas mariños. As devanditas medidas técnicas deben figurar como instrumentos de apoio á aplicación da PPC adoptando un enfoque que incremente a eficacia desas medidas e centrado na adaptación da estrutura da gobernanza. Ademais, estas medidas deben contribuír á protección dos xuvenís e as especies mariñas reprodutoras mediante o uso de artes de pesca selectivos e medidas que eviten as capturas non desexadas.

    No que respecta a nivel nacional, figuran directamente relacionados: a Lei 5/2023 do 17 de marzo, de pesca sostible e investigación pesqueira, que ten por obxecto a regulación dos requisitos para o acceso aos recursos pesqueiros, e o conxunto de medidas de protección, uso sostible, conservación, rexeneración e xestión dos mesmos; o Real Decreto 502/2022, do 27 de xuño, que ten como cometido a regulación do exercicio da pesca nos caladoiros nacionais; e o Real Decreto 1044/2022, do 27 de decembro, encargado da ordenación da frota pesqueira.

    Por último, a nivel autonómico figura a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, que ten por obxecto, entre outras medidas, a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, da adopción de medidas de conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos; o exercicio da pesca; a ordenación do sector pesqueiro galego; e a ordenación, adecuación e mellora da frota pesqueira galega.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A Comunidade Autónoma de Galicia necesita revisar e actualizar a normativa vixente en materia de pesca marítima profesional co fin de dar respostas adecuadas ás demandas e necesidades do sector pesqueiro, facilitando así un crecemento ordenado e sostible que promova a renovación e a modernización das estruturas produtivas pesqueiras galegas. Esta circunstancia incide especialmente na frota pesqueira artesanal, cuxa regulación, por medio dunha disposición normativa con rango de decreto, permita adoptar medidas que conduzan ao crecemento dun subsector tan importante para as poboacións costeiras. Polo tanto, cobra especial importancia adecuar á realidade galega os mandatos establecidos na lexislación comunitaria, nacional e galega, simplificando, racionalizando e actualizando todo o corpo normativo existente en materia de pesca marítima profesional, co fin de integrar nun único texto normativo todas as disposicións vixentes, mantendo deste modo unha estrutura coherente cos tempos actuais e cos requirimentos emanados do novo marco normativo comunitario e nacional en materia de pesca.

    Neste sentido, a numerosa, dispersa e desactualizada normativa existente en materia de pesca marítima profesional xustifica claramente a necesidade dunha reforma, simplificación, racionalización e actualización normativa. Neste sentido, o alcance da integración normativa nun único texto regulador afectaría necesariamente, entre outras disposicións, ao Decreto do 2011 que regula as artes e aparellos de pesca na Comunidade Autónoma de Galicia; ao Decreto do 2005 que regula o Rexistro de Buques Pesqueiros; ao Decreto de 1993 que regula o Permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira; á Orde de 2004 que regula a autorización e establecemento e cambio de porto base, ou á Orde de 2004 que regula a alternancia de artes para embarcacións que faenan na nosa comunidade autónoma.

    Polo tanto, os problemas principais que se pretenden solucionar son: i) integrar nun único texto normativo con rango de decreto todo o conxunto de normas regulamentarias vixentes en materia en materia de pesca marítima profesional, evitando deste modo a súa dispersión reguladora; ii) emprender a actualización das disposicións normativas vixentes para seren adaptadas á nova lexislación comunitaria e nacional, ademais de facilitar un mellor desenvolvemento da Lei de pesca galega; e iii) impulsar a simplificación e racionalización normativa que evite obstáculos na xestión pesqueira, responda ás demandas actuais do sector pesqueiro galego, e corrixa a excesiva intervención reguladora a través da implantación de solucións administrativas máis eficaces e eficientes.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    En primeiro lugar, é crucial identificar e revisar toda a normativa en vigor relacionada co exercicio da pesca marítima profesional e coa ordenación pesqueira, comprobando o dilatado período de vixencia das disposicións normativas existentes e a falta de adecuación destas á lexislación comunitaria e nacional. O resultado que presenta o funcionamento destas normas invitan a unha reforma, simplificación, racionalización e actualización normativa na Comunidade Autónoma de Galicia, motivada polos actuais requirimentos da xestión da pesca.

    En segundo lugar, coa variedade e dispersión das disposicións normativas existentes en materia de pesca marítima profesional e a problemática que vén ocasionando ao normal desenvolvemento da actividade pesqueira, cobra especial relevancia emprender unha reforma integradora e sistematizadora que estea aliñada co cumprimento dos principios e criterios de boa regulación que rexen na actualidade na lexislación autonómica galega.

    En terceiro e último lugar, a futura disposición reguladora da pesca marítima profesional necesita encamiñarse cara a un mellor desenvolvemento da Lei de pesca de Galicia, centrado nun marco regulador que comprenda basicamente: i) a ordenación do sector pesqueiro galego; ii) a ordenación, adecuación e mellora da frota pesqueira galega: iii) a regulación do exercicio da pesca marítima profesional; e iv) a adopción de medidas que conduzan a unha adecuada conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos. Polo tanto, a futura disposición normativa con rango de decreto necesita circunscribir estes catro ámbitos nun só texto normativo, integrando todas as materias que actualmente están recollidas e dispersas en varios decretos e ordes.

  • Obxectivos:

    En primeiro lugar, adoptar as medidas tendentes a promover o exercicio dunha actividade pesqueira respectuosa co medio ambiente e coa protección dos recursos pesqueiros,  así como fomentar a mellora no acceso e explotación dos recursos mariños vivos e a ordenación da frota pesqueira. Neste mesmo senso, esta liña de traballo adecuarase á sostibilidade social e económica da actividade, e en pleno equilibrio coas mesmas.

    En segundo lugar, determinar as artes, aparellos e utensilios permitidos para o exercicio da pesca; adoptar os Plans de xestión que regulen medidas técnicas, horarios e réxime de calamento das artes de pesca, que poderán ser elaborados a proposta das entidades asociativas do sector, incluíndo ademais as limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro; adoptar Plans de recuperación de carácter plurianual para as especies fóra dos límites biolóxicos de seguridade, fixando medidas, prazos e obxectivos para garantir a recuperación das poboacións; regular de forma directa o esforzo da pesca limitando a capacidade de pesca ou o tempo de actividade; e establecer vedas temporais ou zonais para determinadas especies.

    En terceiro lugar, integrar nunha soa disposición normativa a totalidade das normas existentes reguladoras da pesca marítima profesional e da ordenación da frota pesqueira, formadas actualmente por 6 decretos e 9 ordes; aliñar esta nova norma cos principios e criterios de boa regulación; e adaptar esta norma ao novo marco legal comunitario e nacional. Polo tanto, a nova disposición normativa trata de regular o exercicio da pesca marítima profesional e ordenar a frota pesqueira na Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A Consellería do Mar, ante a situación existente sobre a normativa creada ao longo do tempo no marco da actividade pesqueira profesional, trata de achegar solucións e alternativas reguladoras adecuadas ás demandas e necesidades do sector, co fin de promover un crecemento ordenado e sostible da pesca galega, á vez que pretende impulsar a renovación e a modernización das estruturas produtivas, atendendo especialmente á frota pesqueira artesanal e ás poboacións costeiras.

    Polo tanto, as solucións e as alternativas de carácter normativo estarán destinadas a regular o exercicio da pesca marítima profesional e a ordenación da frota pesqueira na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a integración nunha soa disposición normativa de carácter xeral con rango de decreto da totalidade das normas existentes reguladoras da pesca marítima profesional, formadas na actualidade por 6 decretos e 9 ordes. Á súa vez, esta nova norma reguladora estará aliñada cos principios e criterios de boa regulación e adaptada ao novo marco legal comunitario e nacional.

    En definitiva, o novo marco regulador da pesca marítima profesional pretende adoptar unha natureza integradora e sistematizadora das normas que se establezan ao redor da pesca galega, impulsando un modelo de explotación responsable, racional e sostible baseado en prácticas respectuosas coa conservación e xestión dos recursos pesqueiros en equilibrio cos obxectivos medioambientais, sociais e económicos. Para iso, a estrutura básica da disposición reguladora adoptará unha estrutura normativa coherente coas necesidades actuais e coas normas comunitarias e nacionais, baseada en catro grandes áreas: i) a regulación do exercicio da pesca marítima profesional; ii) a ordenación da frota pesqueira; iii) o acceso á explotación dos recursos mariños; e iv) a adopción de medidas que conduzan a unha adecuada conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos en equilibrio cos aspectos sociais e económicos da actividade pesqueira.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 1