Decreto polo que se regulan as condicións e os requisitos para a entrega de medicamentos e produtos sanitarios en supostos especiais

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria

Departamento: Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde (Sergas)

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 09/07/2024 - 23/07/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O artigo 7 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia establece os supostos especiais de entrega de medicamentos e produtos sanitarios, contemplando no art. 7.1 de forma excepcional, a dispensación dos mesmos a través dunha entrega informada no domicilio de persoas usuarias que residan en zonas rurais illadas ou sexan dependentes, cunhas características e necesidades asistenciais específicas, e nas que que concorran perda de autonomía funcional e necesidade de coidados por enfermidades crónicas.  Esta entrega deberá ser realizada por unha das cinco oficinas de farmacia máis próximas ao domicilio do/da paciente dentro da zona farmacéutica ou, por expresa decisión do/da paciente, por outra oficina de farmacia da mesma área de referencia do punto de atención continuada, de tal forma que sempre se cumprirán estritamente as garantías sobre calidade e control sanitario para calquera destas entregas, para o que se incorporarán os métodos ou sistemas de control necesarios, que haberán de contemplarse regulamentariamente.
     
    De igual maneira, con carácter excepcional e nos supostos que se determinen, devandito precepto contempla a través do art. 7.2, a posibilidade de que os servizos de farmacia hospitalaria correspondentes poidan realizar a entrega informada no lugar de residencia das persoas usuarias daqueles medicamentos cuxa dispensación estea restrinxida unicamente ao ámbito hospitalario de acordo con a normativa estatal vixente, entrega na que poderán colaborar as oficinas de farmacia da zona. 
     
    Neste mesmo sentido, o marco regulatorio nacional, a través do artigo 3 do Real Decreto Lexislativo 1/2015, do 24 de xullo, engadiu un apartado 8 para contemplar que os órganos ou autoridades competentes das comunidades autónomas poderán establecer medidas para a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios en modalidade non presencial, garantindo unha atención óptima coa entrega, se procede, dos medicamentos en establecementos sanitarios autorizados para a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios próximos ao domicilio do paciente ou no seu propio domicilio cando concorran circunstancias sanitarias excepcionais ou cando a situación clínica de dependencia, vulnerabilidade, risco ou distancia física do paciente aos servizos de farmacia dos hospitais o requira.
  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Con este desenvolvemento normativo preténdese que a Administracion dea unha resposta adecuada para asegurar a continuidade asistencial a pacientes que, por residir en en zonas rurais illadas ou ser dependentes, cunhas características e necesidades asistenciais específicas, con perda de autonomía funcional e necesidade de coidados por enfermidades crónicas, non poidan desprazarse ao hospital ou á oficina de farmacia a que lle dispensen os seus medicamentos.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Este proxecto de decreto responde á necesidade de establecer normativamente as condicións e os requisitos aos que se teña que axustar esa entrega informada de medicamentos e produtos sanitarios, facendo así efectiva a posibilidade contemplada na nosa Lei de ordenación farmacéutica, a cal redundará claramente en beneficio dos/as pacientes e persoas usuarias, que poderán beneficiarse desta entrega nos supostos que regulamentariamente se determinen, mellorando así substancialmente o servizo prestado desde os servizos de farmacia hospitalarios e as oficinas de farmacia.

  • Obxectivos:

    O obxectivo do decreto que se pretende aprobar é regular as condicións e os requisitos para realizar a entrega informada de medicamentos e produtos sanitarios en establecementos sanitarios autorizados para a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios próximos ao domicilio do paciente ou no seu propio domicilio cando concorran circunstancias sanitarias excepcionais ou cando a situación clínica de dependencia, vulnerabilidade, risco ou distancia física do paciente aos servizos de farmacia dos hospitais ou ás oficinas de farmacia o requira. 

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Considérase que o decreto proxectado é o instrumento idóneo para dar resposta á necesidade identificada, dado que a aprobación de un decreto regulador desta materia deriva do mandato legal contido no art. 7 da citada Lei 3/2019, de 2 de xullo.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 15