Lei de administración ambiental simplificada de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

Departamento: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático - Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 25/06/2024 - 02/09/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia foi no seu momento unha referencia no ámbito do Dereito Ambiental autonómico que viu modificacións no seu contido operadas polas leis 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas; Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia; Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia.

    Desde o ano 1995 tamén se aprobaron leis a nivel estatal en materia ambiental, así a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, que foi modificada pola Lei 9/2018. 

    No ámbito comunitario destacan as normas (e recomendacións) sobre aceleración do despregamento das enerxías renovables con impacto nos procedementos de avaliación de impacto ambiental:

    • Recomendación (UE) 2022/822, do 18 de maio de 2022, sobre a aceleración dos procedementos de concesión de permisos para os proxectos de enerxías renovables
    • Regulamento 2022/2577/UE, do 22 de decembro, para acelerar o despregamento de enerxías renovables
    • Directiva 2023/2413 (modifica D2018/2001, R2018/1999 e D98/70/CE), sobre a promoción da enerxía procedente de fontes renovables
    • Regulamento 2024/233 do Consello, do 22 de decembro de 2023, que modifica o Regulamento 2022/2577/UE, do 22 de decembro
    • Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro de 2010, sobre as emisións industriais, con incidencia directa no sector industrial de Galicia

     

    Igualmente, no ámbito autonómico galego, a Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    • A existencia dunha dispersión regulatoria no Dereito autonómico, con relación ao réxime de prevención e control das actividades económicas de diferente natureza, que afecta particularmente ao réxime de avaliación de impacto ambiental.
    • Ausencia dunha norma única e integrada na comunidade autónoma, que recolla, de forma integrada, os desenvolvementos autonómicos necesarios das técnicas de intervención administrativa máis relevantes (autorización ambiental integrada, avaliación de impacto ambiental de proxectos etc.) e o modelo de intervención administrativa para pequenas actividades (comunicación previa e incidencia ambiental).
    • Conveniencia de adaptar a Lei autonómica aos estándares da lexislación autonómica máis recente, cun enfoque centrado en simplificar e facilitar a xestión administrativa dos procedementos de avaliación e autorización.
    • Necesidade de identificar e liquidar as causas de inseguridade xurídica en materia ambiental para o desenvolvemento de actividades económicas na comunidade.
    • Valorar os eventuais desacoplamentos entre a normativa comunitaria e autonómica, coa finalidade de limitar os riscos xurídicos que poidan afectar á posta en marcha das actividades económicas que superen os procedementos ambientais de avaliación e autorización.
    • Revisar o desenvolvemento regulamentario da Lei 1/1995 vinculado coas actividades económicas para garantir a súa coherencia co marco xeral.
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Tras 29 anos de aplicación, é necesario revisar o marco normativo da protección ambiental en Galicia para articular os instrumentos de prevención e control de actividades económicas, de acordo cos novos retos sociais e ambientais e o marco regulatorio comunitario e estatal, garantindo os estándares de protección ambiental da UE e outorgando seguridade xurídica aos actores públicos e privados implicados na súa execución.

    A oportunidade da súa aprobación xustifícase polos obxectivos do Pacto Verde da UE, que pon no centro das políticas de desenvolvemento socioeconómico os obxectivos de transición ecolóxica, e as novidades políticas e regulatorias en materia de avaliación e ordenación das actividades económicas.

  • Obxectivos:

    Esta lei persegue alcanzar os seguintes obxectivos:

    • Substituír a Lei 1/1995 por unha nova Lei de prevención e control ambiental de Galicia que sistematice, actualice e integre as técnicas de prevención ambiental.
    • Revisar a definición dos instrumentos de prevención e control ambiental que actualice o réxime dalgúns xa existentes.
    • Articular as esixencias da lexislación sectorial ambiental cos procedementos de concesión da autorización ambiental integrada e a esixencia de comunicación previa.
    • Integrar e coordinar as esixencias procedementais e autorizatorias da lexislación de patrimonio das Administracións públicas ou outras normas sectoriais, cos procedementos de autorización e avaliación ambiental.
    • Regulación integrada e coordinada de todos os instrumentos preventivos de autorización e avaliación de proxectos.
    • Desenvolver unha norma de cabeceira de ordenación ambiental das actividades económicas na comunidade, centrada nas tendencias de mellora regulatoria e a eliminación de duplicidades innecesarias e de incoherencias na intervención administrativa.
    • Outorgar seguridade xurídica necesaria para Administracións e operadores económicos.  
    • Promover a coordinación e a colaboración entre as Administracións públicas con competencias concorrentes en materia de control de actividades económicas.
    • Clarificar os procedementos e, no seu caso, reducir as eventuais procedementais administrativas innecesarias, de acordo coas actuacións comunitarias e estatais, sen diminución do nivel de protección ambiental.
    • Completar as previsións básicas do Estado para dar seguridade xurídica ás Administracións públicas e ás actividades económicas, para facelas máis funcionais e operativas e para adaptalas ás particularidades ambientais e socioeconómicas de Galicia.
    • Definir con maior claridade os límites e posibilidades para o desenvolvemento de actividades económicas con incidencia ambiental.
    • Adaptar, na medida do necesario, o marco normativo autonómico ás novas tendencias da normativa comunitaria.
    • Mellorar a coordinación dos procedementos de avaliación e autorización ambiental, con outras autorizacións ou concesións non ambientais pero imprescindibles para a posta en marcha de actividades.
    • Valorar a conveniencia de regulación integrada dos instrumentos de económicos e de xestión, que identifique os mecanismos deste tipo e que permita manter, se se considera pertinente en atención á experiencia adquirida na súa aplicación, instrumentos xa existentes no noso ordenamento ambiental, como o pacto ou a fianza ambiental, ou poñer o acento no papel doutros complementarios das técnicas de intervención, como os sistemas de xestión ambiental.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    • A solución máis adecuada é a de contar cunha norma de rango legal que reúna nun só texto os máis importantes instrumentos preventivos e de control ambiental.
    • Manter o statu quo de adaptación progresiva da normativa básica do Estado (a resultante da transposición das normas da Unión Europea).
    • Establecemento de instrucións internas para a xestión interna dos procedementos na Xunta de Galicia, e de guías orientadoras para os operadores de actividades potencialmente contaminantes no ámbito da comunidade autónoma.

     

    Tendo en conta que a normativa vixente en materia de avaliación e intervención ambiental se fundamenta na regulación básica do Estado que, á súa vez, provén da transposición das directivas e demais normas vinculantes da Unión Europea, no momento presente, a complexidade e dispersión das normas sobre avaliación e intervención ambiental, que tamén afectan á Comunidade Autónoma de Galicia, recomenda a elaboración dunha norma que aúne, simplifique o labor e dote de maior seguridade xurídica aos operadores suxeitos ás técnicas de intervención ambiental. A alternativa sería continuar coa actual complexidade normativa.

  • Rango da norma:

    Lei

Achegas e opinións recibidas: 11