Orde pola que se establece o procedemento de regularización administrativa de instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

Departamento: Consellería de Economía e Industria - Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 21/06/2024 - 08/07/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Os regulamentos de seguridade industrial que derivan da Lei 21/1992 de Industria polo xeral establecen a necesidade de comunicación das instalacións a un rexistro previo á súa posta en servizo. Ademais de para o control das actuacións da Administración, a devandita comunicación da posta en servizo é necesaria para posteriores actuacións como modificacións, ampliacións, baixas etc. Por outra banda, a correcta posta en servizo é unha das comprobacións que teñen que efectuar os organismos de control na súa actuación de inspección, polo que, en caso de non estar rexistrada a instalación, é moi probable que non estea correctamente mantida e que non teña os controis periódicos que garanten a súa seguridade e correcto funcionamento. 

    A maioría dos regulamentos de seguridade industrial vixentes non contemplan a opción de regularización desta situación. Estas instalacións supoñen un risco para a seguridade de bens e persoas, e os seus titulares teñen problemas á hora de intentar cumprir con obrigas como a inspección polos organismos de control, sen que exista nestes momentos unha solución legal á súa situación.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A comunicación da posta en servizo das instalacións de seguridade industrial é necesaria para:

    • Comunicar as posteriores modificacións, ampliacións, cambios de titularidade e baixas.
    • Solicitar todo tipo de actuacións inspectoras establecidas na regulación vixente.
    • Concorrer a axudas ou subvencións.
    • Ao incluírse nos rexistros oficiais favorécese o coñecemento e a toma de decisións para a Administración en relación con actuacións normativas, subvencións etc.
    • Ter o universo real das instalacións de seguridade industrial favorece o establecemento duns plans de inspección máis representativos, xustos, eficientes e efectivos.
    • A existencia de instalacións de seguridade industrial promove o intrusismo e a competencia desleal, xa que un profesional habilitado non pode actuar nunha instalación non regularizada e é probable que quen o faga non queira deixar constancia nun documento contable.
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Faise necesario que a Administración autonómica dea unha solución ás instalacións de seguridade industrial non regularizadas para facilitar que entren no sistema e poidan cumprir con todas as obrigas que se lles impoñen. Ademais, o feito de non ter constancia da inscrición das instalacións implica un descoñecemento da realidade do sector industrial da comunidade autónoma e, en consecuencia, unha traba para o necesario control que debe realizar a Administración.

    Así, co fin de garantir a seguridade de bens e persoas, coa regularización asegúrase non só que cumprían coa lexislación vixente no momento da súa posta en marcha, senón que na actualidade son instalacións seguras.

    A integración de todos os procedementos de tramitación de instalación de seguridade industrial no Rexistro de actividades empresariais industriais e comerciais da Xunta de Galicia (RUE)  fai a regularización relativamente sinxela.

  • Obxectivos:

    A norma ten por obxecto establecer o procedemento de regularización administrativa para aquelas instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial que, por diversas razóns (antigüidade, perda de documentación...), non constan rexistradas no rexistro preceptivo da consellería competente en materia de industria.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Unha alternativa regulatoria sería esperar a que todos os regulamentos de seguridade industrial se modifiquen e que inclúan a posibilidade de rexistro extemporáneo das instalacións, o cal se dilataría no tempo, tendo en conta a cantidade de regulamentos de seguridade industrial existentes e que se trata de regulamentos de competencia da Administración xeral do Estado.

  • Rango da norma:

    Orde

Achegas e opinións recibidas: 4