Decreto polo que se aproba o Plan de conservación do espazo natural de interese local "Torre de Hércules", pertencente ao Concello da Coruña

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Departamento: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático - Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 15/06/2024 - 28/06/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Anúnciase un novo trámite de participación pública do documento base do Plan de conservación do ENIL "Torre de Hércules". Este plan será, tras a súa completa tramitación, aprobado por Decreto do Consello da Xunta. 

    O ENIL "Torre de Hércules" foi declarado de xeito provisional pola Orde de 27 de decembro de 2019 (DOG núm. 7, do 13.01.2020). A aprobación do plan é necesaria para a súa declaración definitiva.

    No momento de iniciar os trámites para a declaración deste espazo estaba en vigor a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. Esta lei foi derrogada pola Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, pero na súa disposición transitoria sétima, punto 2, establece que os procedementos administrativos en tramitación á súa entrada en vigor seguirán a tramitarse pola normativa vixente ao iniciar a súa tramitación. Por tal motivo, este plan tramítase ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

    Este documento xa foi sometido ao trámite de participación pública durante un mes mediante o Anuncio do 4 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pero dado que houbo un fallo informático que impediu a súa consulta durante uns días, sométese de novo a participación.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    En relación cos problemas que pretende solucionar, o Plan de conservación, tras unha análise da situación actual do ENIL, determinará as presións e ameazas que está a sufrir o espazo.  O Plan busca a redución destas presións e ameazas a través do desenvolvemento dunha regulación de usos e actividades compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable do espazo e o establecemento de axeitadas medidas de xestión.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A elaboración do instrumento de planificación deste espazo protexido é un deber recollido na Lei 9/2001, do 21 de agosto (de acordo coa disposición transitoria sétima, punto 2, da Lei 5/2019, do 2 de agosto, pola que se continúa coa tramitación segundo a Lei 9/2001, do 21 de agosto).

  • Obxectivos:

    Establecer o réxime de usos e de actividades permisibles e as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo protexido, así como as medidas para a conservación da xeodiversidade, dos hábitats e das especies.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A elaboración do instrumento de planificación deste espazo protexido é un deber recollido na Lei 9/2001, do 21 de agosto (de acordo coa disposición transitoria sétima, punto 2 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, pola que se continúa coa tramitación segundo a Lei 9/2001, do 21 de agosto).

  • Máis información:

    As suxestións deberán enviarse a partir do día 15 de xuño (incluído)

  • Rango da norma:

    Decreto