-
Antecedentes:
Os antecedentes directos da norma figuran no Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, de 20 de novembro de 2009, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento das normas da política pesqueira común, mediante a definición de "actividade pesqueira", no seu apartado 1 do artigo 4, como o feito de "buscar peixe, largar, calar, remolcar ou halar unha arte de pesca, subir capturas a bordo, transbordar, levar a bordo, transformar a bordo, trasladar, engaiolar, engordar e desembarcar peixe e produtos da pesca", e no seu apartado 29 do devandito artigo 4, o "traslado", como "as operacións de pesca nas que as capturas, ou unha parte, son transferidas ou trasladadas de artes de pesca compartidas a un buque, ou da bodega dun buque ou as súas artes de pesca a unha rede de contención, un contedor ou unha gaiola fóra do buque onde as capturas se manteñan vivas ata o seu desembarque".
Por outra parte, o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, ten como unha das súas finalidades regular o exercicio da actividade pesqueira de conformidade co establecido no artigo 3 da Lei 11/2008, de 3 de decembro, de pesca de Galicia. Así, a regulación da actividade pesqueira contemplada neste decreto encádrase dentro da definición sinalada no apartado 1 do artigo 4 do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, de 20 de novembro de 2009. Igualmente, dentro do ámbito espacial da actividade pesqueira circunscríbense as operacións de "traslado" tamén definidas no apartado 29 do artigo 4 da devandita norma comunitaria. En conclusión, tanto a actividade pesqueira como o traslado constitúen operacións pesqueiras recoñecidas dentro do conxunto das actividades reguladas na normativa anteriormente citada.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Na Comunidade Autónoma de Galicia estase a producir unha práctica reiterada no tempo, coñecida popularmente como "aviveiramento", entendida como o feito de manter almacenadas no mar e con vida as capturas de determinadas especies de crustáceos durante un período determinado, previo ao desembarco das mesmas. Trátase dun caso particular realizado en diversos puntos da costa galega, consistente en que determinadas especies de crustáceos, cuxo valor á hora da súa comercialización depende de que se manteñan vivas, non son desembarcadas e permanecen almacenadas no mar ata que son levadas á lonxa no momento da poxa, permitindo deste modo que cheguen ao momento da venda vivas e en óptimas condicións.
As especies afectadas por estas prácticas son o camarón, a nécora, a centola, o boi, o lumbrigante e o santiaguiño. Para o desenvolvemento desta actividade, o lugar no que se manteñen estas especies pode ser a propia borda da embarcación, unha boia de fondeo, ou naqueles lugares onde se efectúa a atracada permanente das embarcacións de pesca. Polo tanto, os lugares onde se realizan as operacións de almacenamento destas especies necesitan estar debidamente identificados de forma que as características básicas da embarcación que realiza o almacenamento sexan perfectamente visibles. Así mesmo, o período no que se manteñen almacenadas as capturas destas especies varía segundo as localidades, podendo producirse dende unhas horas en espera do momento da poxa a varios días en función da previsión dos prezos ou, tamén, co fin de xuntar unha cantidade suficiente de crustáceos que compense ao produtor o seu traslado á lonxa. En consecuencia, a Consellería do Mar trata de dar resposta ao desenvolvemento desta práctica, identificada como "actividade de traslado", mediante unha regulación específica que trate de cubrir e ordenar o baleiro existente neste caso particular, outorgando aos pescadores afectados, e ao resto dos operadores que interveñen en todo este proceso desta actividade de traslado, as pautas reguladoras mínimas que transcorren entre o momento do almacenamento das especies capturadas e o desembarque destas para a súa venda.
Polo tanto, os problemas que se pretenden solucionar son: 1) regular un baleiro normativo existente co fin de garantir a calidade e o control da actividade para o sector afectado, para a Administración e para os consumidores; 2) ordenar unha actividade cuxa práctica está estendida ao longo da costa galega, outorgando aos pescadores afectados, e ao resto dos operadores que interveñen en todo este proceso de traslado, as pautas reguladoras mínimas que transcorren entre o momento do almacenamento das especies capturadas e o desembarque destas para a súa venda; e 3) facilitar a trazabilidade dos lotes trasladados na cadea de comercialización, mediante a identificación das operacións de traslado na información rexistrada nos documentos de control posteriores, tales como documentos de transporte, declaracións de recollida ou as notas de primeira venda.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
En primeiro lugar, é necesario regular e ordenar a actividade de traslado na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de atender unha vella reclamación do sector e dar resposta ao baleiro existente neste caso particular, outorgando aos pescadores afectados, e ao resto dos operadores que interveñen nas operacións de traslado das capturas no mar, as pautas reguladoras mínimas que transcorren entre o momento do devandito traslado e o desembarque destas para a súa venda.
En segundo lugar, preténdese regular a actividade de traslado das especies de crustáceos sinaladas anteriormente, normalizando as operacións de traslado destas especies a través da creación de determinados documentos de rexistro, como son a declaración de traslado, o rexistro de finalización da declaración de traslado e a anulación da declaración de traslado. Polo tanto, co fin de rexistrar e controlar todas as operacións de traslado sinaladas, resulta necesario crear dous documentos de trazabilidade denominados "declaración de traslado" e "rexistro da finalización da declaración de traslado".
En terceiro e último lugar, a regulación da actividade de traslado tamén aborda outros aspectos relevantes que se suceden durante as operacións de traslado, como son os lugares autorizados para almacenar as capturas obxecto de traslado, a duración máxima do almacenamento permitido para as especies sinaladas nesta orde, o número máximo de declaracións permitidas, o conxunto de condicións necesarias para o cumprimento das operacións de traslado e a trazabilidade das operacións de traslado na cadea de comercialización.
-
Obxectivos:
- Regular a actividade de traslado no mar de determinadas especies de crustáceos na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Ordenar o conxunto das operacións de traslado que terán lugar durante a actividade de traslado no mar, mediante a creación dos seguintes documentos de rexistro: a declaración de traslado, o rexistro de finalización da declaración de traslado e a anulación da declaración de traslado.
- Regular outros aspectos relevantes que se suceden durante as operacións de traslado, como son os lugares autorizados para almacenar as capturas obxecto de traslado, a duración máxima do almacenamento permitido, o número máximo de declaracións permitidas, o conxunto de condicións necesarias para o cumprimento das operacións de traslado e a trazabilidade das operacións de traslado na cadea de comercialización.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A ausencia de regulación das operacións de almacenamento e traslado no mar do camarón, nécora, centola, boi, lumbrigante e santiaguiño xera unha inseguridade xurídica na trazabilidade, xurdida antes e despois das operacións de desembarco das devanditas especies, así como tamén unha falla de ordenación da actividade entre todos os operadores que interveñen no proceso, e unha posible ausencia no cumprimento da lexislación en materia de seguridade alimentaria.
Por tanto, a regulación desta actividade permite ordenar o conxunto das operacións de traslado que terán lugar durante o almacenamento de determinadas especies de crustáceos no mar, así como normalizar os documentos de rexistro e control necesarios que garantan a trazabilidade dos produtos almacenados.
En definitiva, a alternativa neste caso pasa por ordenar esta práctica de almacenamento no mar de determinadas especies de crustáceos mediante unha orde que regule a actividade de traslado destas especies na Comunidade Autónoma de Galicia.
-
Rango da norma:
Orde