Decreto polo que se regula o Sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Consellería do Medio Rural

Departamento: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Consellería do Medio Rural

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 10/01/2024 - 24/01/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Organización das Nacións Unidas recoñece que o mantemento dos ecosistemas mariños, especialmente os vexetais, ten un alto potencial de secuestro de carbono á par que pode contribuír á aseguranza socioeconómica das poboacións costeiras e compensar a redución do secuestro de carbono que o quecemento oceánico está a provocar. A promoción dun axeitado manexo destes ecosistemas pode impulsar a seguridade alimentaria, asegurar a subsistencia, incrementar a resiliencia da costa a través do secuestro de carbono.

    Recentemente, a Comisión Europea ten lanzado unha iniciativa lexislativa co obxectivo de implantar no ámbito da Unión Europea un esquema de eliminación de carbono, en relación á supervisión, notificación e verificación da autenticidade desta operación. Formula ampliar a eliminación sostible de carbono e o fomento de solucións para capturar, reciclar e almacenar CO2 por parte de persoas agricultoras, silvicultoras e de industrias. A Comisión Europea considera que isto representa un paso necesario e significativo cara a integración da eliminación de carbono nas políticas climáticas da UE.

    A Xunta, no marco do seu compromiso de acadar a neutralidade climática, a máis tardar no ano 2050 persegue unha liña de fomento do desenvolvemento sostible do territorio, impulsando, entre outros, os proxectos que contribúan a absorber carbono como medida para compensar as emisións de gases de efecto invernadoiro que se producen noutras actividades aproveitando o seu capital natural, como as masas forestais, a agricultura e a acuicultura, para xerar o apoio á renda no medio rural.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Ante o grave problema que supón o quecemento global, o artigo 6 do Tratado de París vén de recoñecer que o financiamento do carbono será clave para a organización de mercados de carbono nos que haxa intercambio dos denominados créditos de carbono e pode incentivar e permitir que sexa un mecanismo de compensación para aquelas empresas interesadas en compensar aquelas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) a partir da compra daquelas entidades que eliminan ou reducen as devanditas emisións.

    Os mercados voluntarios de carbono están dirixidos a organizacións públicas e privadas, incluso cidadáns/ás, que se queren responsabilizar da súa acción climática, compensando a súa pegada de carbono mediante a participación en proxectos que contribúen á eliminación ou secuestro de carbono. Por tanto, estes mercados voluntarios de carbono (MVC) permiten que as pequenas e medianas empresas poidan tamén compensar as súas emisións.

    Dado o alto nivel de desenvolvemento deste tipo de mercados na política forestal, o proxecto de decreto establece medidas concretas de fomento da xestión forestal activa e sostible polo evidente efecto beneficioso sobre a prevención de incendios e a fixación de poboación no entorno rural.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Na actualidade, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición adicional terceira ter regula a potestade da Xunta de Galicia para a creación dun mercado voluntario de carbono que permita a participación de diversos axentes: tanto do lado da oferta, a través da promoción de captura de carbono xeradores de créditos de carbono, como do lado da demanda, a través da adquisición dos devanditos créditos en favor da compensación de emisións que poidan xerar unha mitigación contra o cambio climático.

    Este contexto lexislativo debe concluír coa organización inmediata dun mercado voluntario de carbono que orixine créditos de carbono derivados da capacidade de absorción e almacenamento de carbono das actividades relativas aos usos da terra, os cambios de uso da terra e as masas forestais no territorio galego e a promoción dos produtos forestais en substitución doutros cunha maior pegada de carbono. A experiencia que se extraia desta primeira liña de acción permitirá a súa réplica nas outras actividades consideradas como de alto potencial de secuestro de carbono.

  • Obxectivos:

    O obxectivo deste decreto é o desenvolvemento regulamentario dun sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia que contribuirá aos obxectivos de descarbonización en Galicia baixo criterios específicos de elixibilidade, contabilización e revisión do carbono xerado, monitorización e verificación por entidades independentes.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Os mercados voluntarios de carbono poden axudar a regular o marco socioeconómico e medioambiental para a xeración e transacción dos créditos de carbono verificados, de carácter voluntario.

    Ademais, a compravenda que se produza polos créditos derivados dos proxectos inscritos nos sistemas xerarán rendas complementarias ás actividades vencelladas aos sectores primarios, loitando deste xeito contra o abandono no rural e favorecendo unha estratexia preventiva de loita contra os incendios forestais.

    Por iso, este desenvolvemento lexislativo debe concluír coa organización inmediata dun mercado voluntario de carbono que orixine créditos derivados da capacidade de absorción e almacenamento de carbono das actividades relativas aos usos da terra, os cambios de uso da terra e a silvicultura no territorio galego, da redución de emisións derivadas da deforestación e a degradación forestal, do fomento da xestión forestal sostible, así como da promoción dos produtos forestais en substitución doutros cunha maior pegada de carbono. A experiencia que se extraia desta primeira liña de acción permitirá a súa réplica nas outras actividades consideradas como de alto potencial de secuestro de carbono.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 1