Orde pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 03/08/2023 - 28/08/2023

Información sobre a norma :

Antecedentes:

A Lei Orgánica 3/2020, de 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación (en adiante LOMLOE) prevé nos seus artigos 21 e 29 a realización dunha avaliación de diagnóstico de carácter censual. Este proceso avaliativo está tamén recollido, respectivamente, nos  artigos 23 e 27 do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, e do Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na actualidade está en vigor a Orde do 6 de outubro de 2010 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, unha orde que xa non se corresponde co marco lexislativo e curricular actual, e que polo tanto precisa ser derogada e substituída por unha nova orde. 

Problemas que se pretenden solucionar:

É preciso ter unha normativa que regule as condicións xerais e o procedemento de realización da proba de avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia. 

A orde que está en vigor, a Orde do 6 de outubro de 2010 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, está referida á LOE, pero sen  ter en conta os cambios introducidos pola LOMLOE na LOE, e refírese explícitamente a curriculos do ano 2007, xa derrogados polos decretos 155/2022 e 156/2022, do 15 de setembro, polo que é imprescindible que sexa derrogada e substituída por unha nova orde.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

De acordo co calendario de implantación da LOMLOE, corresponde iniciar a aplicación das avaliacións diagnósticas nos niveles educativos de cuarto curso de educación primaria e segundo curso de educación secundaria durante o curso académico 2023-2024.

En consonancia co anterior, é preciso establecer ao inicio do curso académico 2023/2024 unha normativa que regule as condicións xerais e o procedemento de realización da proba de avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia nos vindeiros cursos académicos.

Obxectivos:

A presente orde ten por finalidade establecer, de acordo coa nova redacción da LOE introducida pola LOMLOE e cos novos decretos que establecen o  currículo de educación primaria e educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, as condicións e o procedemento de realización da proba de avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, e afecta ao alumnado que curse os estudos de cuarto curso de educación primaria ou segundo curso de educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

 

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

A alternativa a esta orde sería realizar unha modificación da Orde do 6 de outubro de 2010 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia.

As modificacións requiridas serían moi numerosas e puntuais, o que dificultaría en grande medida a comprensión da norma reguladora en vigor. Considérase por iso que a derogación da actual orde e a creación dunha nova orde sería a fórmula idónea para regular as condicións e o procedemento de realización da proba de avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia.

Rango da norma:

Orde