Decreto polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería do Medio Rural - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 31/07/2023 - 14/08/2023

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A regulación do potencial de produción vitícola é un dos instrumentos establecidos pola Unión Europea (UE) para acadar o equilibrio do mercado vitivinícola no marco da Organización Común do Mercado (OCM). Entre outras medidas da OCM vitivinícola, no que atinxe ao potencial produtivo, instaurouse un sistema de limitación da produción que, desde a súa creación, mantén como eixe fundamental un réxime restritivo nas plantacións de viñedo. 

    O Regulamento (CE) n.º 1234/2007 do Consello (Regulamento único para as OCM), derroga e substitúe por un acto xurídico único todos os regulamentos que o Consello adoptou desde o establecemento da PAC no marco da creación das organizacións comúns de mercado (OCM) para os produtos ou grupos de produtos agrícolas. No novo contexto normativo da PAC apróbase a reforma do sector vitivinícola mediante o Regulamento (CE) n.º 479/2008 do Consello, do 29 de abril de 2008, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, que pola súa vez é derrogado polo Regulamento (CE) n.º 491/2009 do Consello, do 25 de maio de 2009, que modifica o Regulamento (CE) n.º 1234/2007, incorporando totalmente a OCM vitivinícola no Regulamento único para as OCM.

    Finalmente, o Regulamento (UE) n.º 1308/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derogan os Regulamentos (CEE) n.º 922/72, (CEE) n.º 234/79, (CE) n.º 1037/2001 e (CE) n.º 1234/2007, establece un novo sistema para a xestión de plantacións de viñedo baseado en autorizacións de plantación, substituíndo, a partir do 1 de xaneiro de 2016, o réxime anterior.

    O novo réxime de regulación do potencial de produción vitícola establecido na normativa comunitaria foi desenvolto minuciosamente na normativa básica estatal, mediante o Real decreto 740/2015, do 31 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola, e se modifica o Real decreto 1079/2014, do 19 de decembro, para a aplicación das medidas do programa de apoio 2014-2018 ao sector vitivinícola.

    En Galicia, a consecuencia da citada evolución normativa, resulta necesario adaptar a regulamentación autonómica, que actualmente se contén no Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia. 

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    O Regulamento (CE) n.º 1234/2007, que supuxo a reforma da organización do mercado vitivinícola da Unión Europea, tiña dous obxectivos principais, controlar os excedentes estruturais de produción vinícola e mellorar a competitividade e a orientación do mercado do sector vitivinícola. Alcanzados eses obxectivos, o novo sistema para a xestión das plantacións de vide, baseado nun réxime de autorizacións para plantacións, pretende asegurar un crecemento ordenado das plantacións de vide que permita continuar coa mellora da competitividade do sector durante o período 2016 a 2030.

    O Regulamento (UE) n.º 1308/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derogan os Regulamentos (CEE) n.º 922/72, (CEE) n.º 234/79, (CE) n.º 1037/2001 e (CE) n.º 1234/2007, establece un novo sistema para a xestión de plantacións de viñedo baseado en autorizacións de plantación, substituíndo o anterior sistema, a partir do 1 de xaneiro de 2016.

    O novo réxime de regulación do potencial de produción vitícola establecido na normativa comunitaria foi desenvolto minuciosamente na normativa básica estatal, mediante o Real Decreto 740/2015, do 31 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola, e modifícase o Real Decreto 1079/2014, do 19 de decembro, para a aplicación das medidas do programa de apoio 2014-2018 ao sector vitivinícola.

    Coa nova norma preténdese solucionar o problema de adecuación da normativa autonómica á normativa comunitaria e estatal.

     
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    No caso de Galicia débese ter presente que o sector vitícola é tradicionalmente produtor de viños de gran calidade no marco de pequenas explotacións familiares, moitas delas abandonadas con diferentes graos de intensidade, que deberían ser recuperadas sen que se afecte obviamente á limitación da produción establecida no Regulamento comunitario, de aplicación obviamente ás leiras en explotación. 

    Corresponde á Consellería do Medio Rural ten, no ámbito das súas competencias, a responsabilidade de preservar as prácticas tradicionais da viticultura galega de calidade, particularmente no ámbito das zonas de produción vitícola amparadas na actualidade como denominacións de orixe protexidas, así como no das indicacións xeográficas protexidas. 

    As modificacións normativas expostas obrigan a actualizar a regulación autonómica para adaptarse ao novo marco, incorporando os procedementos necesarios para unha correcta e ordenada aplicación en Galicia do novo sistema de xestión das plantacións de viñedo baseado en autorizacións de plantación.

  • Obxectivos:

    O proxecto de decreto recolle o conxunto de disposicións que regulan o potencial vitícola con relación ao sector vitícola de Galicia co obxectivo de contribuír á súa ordenación territorial.

    Este decreto ten por obxecto regular o potencial de produción vitícola da Comunidade Autónoma de Galicia no marco da regulación comunitaria e básica estatal con especial referencia a:

    a) O sistema de autorizacións de plantacións de viñedo.

    b) As plantacións ilegais ou non autorizadas

    c) A xestión e control do potencial vitícola do sector vitícola a través do Rexistro Vitícola de Galicia.

    d) A viticultura e o seu desenvolvemento sustentable e sustentable.

    As disposicións establecidas neste decreto son necesarias para o seguimento da evolución do potencial produtivo de Galicia e serán de aplicación única e exclusivamente ás plantacións destinadas á produción de uva de vinificación e ao cultivo de viñas nais de enxertos en territorio galego.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Considérase que a solución de adecuación á normativa en vigor é a que se acaba de expoñer, de elaboración dun decreto.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 1