Decreto polo que se aproba o Plan de xestión do Monumento Natural da serra de Pena Corneira, nos concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión (provincia de Ourense)

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Vivenda - Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 10/06/2023 - 10/07/2023

Información sobre a norma :

Antecedentes:

O monumento natural da Serra de Pena Corneira foi declarado mediante o Decreto 264/2007, do 20 de decembro.(DOG número 13, do 18.01.2008).

O artigo 59 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que os monumentos naturais contarán cun instrumento de planificación propio denominado Plan de xestión, no que se establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación da xeodiversidade, dos hábitats e das especies.

Segundo o artigo 40 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, a memoria inicial deste instrumento de planificación debe someterse ao trámite de participación pública nos termos previstos no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente (incorpora as directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE).

Ao concluír a participación pública desta memoria inicial, elaborarase o proxecto de decreto polo que se aprobará o instrumento de planificación deste espazo protexido.

O artigo 61 desta lei establece tamén que a tramitación do Plan de xestión correspóndelle á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, efectuándose a súa aprobación consonte ao disposto nos artigos 40 e 41.

Problemas que se pretenden solucionar:

En relación aos problemas que pretende solucionar, o Plan de xestión, tras un diagnóstico da situación actual do monumento natural, determinará as presións e ameazas que está a sufrir o espazo.

O Plan busca a redución destas presións e ameazas a través do establecemento da regulación de usos e actividades compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos considerados como claves para a declaración como espazo protexido.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A elaboración do Plan de xestión deste espazo protexido é unha obriga recollida na Lei 5/2019, do 2 de agosto.

Obxectivos:

Establecer o réxime de usos e de actividades permisibles e as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo protexido, así como as medidas para a conservación da xeodiversidade, dos hábitats e das especies.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

A elaboración do Plan de xestión deste espazo protexido é unha obriga recollida na Lei 5/2019, do 2 de agosto.

Máis información:

O prazo de achegas comeza o día 10 de xuño de 2023 

Rango da norma:

Decreto

Achegas e opinións recibidas: 1