Decreto polo que se crea o Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o seu funcionamento

Órgano ou entidade impulsora: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Departamento: Consellería de Facenda e Administración Pública - Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 16/05/2023 - 30/05/2023

Información sobre a norma :

Antecedentes:

A Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 77 o obxecto e alcance do Rexistro do Personal Funcionario Público Habilitado, para a expedición de copias auténticas e a realización da identificación e firma electrónicas das persoas interesadas que non dispoñan dos medios electrónicos necesarios.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia  ten entre os seus obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia relativa a tecnoloxías da información e comunicacións, así como innovación e desenvolvemento tecnolóxico. Entre as súas funcións inclúese a planificación estratéxica, deseño, desenvolvemento dos sistemas e servizos para a posta en marcha e consolidación dunha Administración dixital, a presenza da Administración na internet e o sistema de información e servizos á cidadanía. 

Neste contexto, unha das actuacións fundamentais para o desenvolvemento dunha administración dixital efectiva é a posta en marcha do devandito Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado, mediante  o desenvolvemento regulamentario previsto na disposición transitoria segunda da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Problemas que se pretenden solucionar:

A evolución dos servizos dixitais no funcionamento da administración pública, e en especial na súa relación  coa cidadanía, non debe supoñer unha discriminación para aquelas personas que polas súas dificultades de acceso ás canles dixitais ou non dispor de habilidades no uso das tecnoloxías, non están en disposición de poder relacionarse de esta forma coa administración pública. Para paliar esta circunstancia, a figura do persoal funcionario habilitado permitirá asistir no uso de medios electrónicos a aquelas persoas interesadas que non están obrigadas a relacionarse coa administración por medios dixitais. 

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, prevé, no artigo 77 o obxecto e alcance do Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado.

E na disposición transitoria segunda, determina que o funcionamento efectivo do Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado producirase na data que se determine no desenvolvemento regulamentario das previsións desta lei relativa ao devandito rexistro.

Obxectivos:

O obxectivo do decreto é o establecemento da regulación do funcionamento do Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado, segundo as previsións establecidas no artigo 77 da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

O decreto desenvolverá as previsións establecidas na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración Dixital de Galicia. As previsións desta lei establecen que deberá desenvolverse regulamentariamente, motivo este polo que non existe alternativa á elaboración do regulamento que se pretende.

Rango da norma:

Decreto