Decreto polo que se regula o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Saúde Pública

Departamento: Consellería de Sanidade - Dirección Xeral de Saúde Pública

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 05/05/2023 - 21/05/2023

Información sobre a norma :

Antecedentes:

O Real decreto 191/2011, do 18 de febreiro, sobre o Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, no seu artigo 2 exceptúa da obrigatoriedade de estar inscritas no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos a determinadas empresas e establece a necesidade da existencia dun rexistro autonómico no que deberían incluírse todas aquelas empresas alimentarias que son exceptuadas de inscrición no rexistro nacional. Esta regulación motivou a publicación do Decreto 204/2012, do 4 de outubro, polo que se crea o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios, modificado posteriormente polo Decreto 173/2019, do 26 de decembro.

O Real Decreto 1021/2022, do 13 de decembro, polo que se regulan determinados requisitos en materia de hixiene da produción e comercialización dos produtos alimenticios en establecementos de comercio polo miúdo incorpora novas actividades que deben ser rexistradas nos rexistros autonómicos, e en determinadas actividades sinala a documentación que debe presentarse ante a autoridade competente para proceder ao inicio da actividade. Así mesmo, regula a subministración de alimentos de produción propia e produtos de orixe animal entre establecementos de comercio polo miúdo definindo "actividade marxinal" e "restrinxida" e deixando á autoridade competente autonómica a posibilidade de definir "actividade localizada".

Problemas que se pretenden solucionar:

A nova norma pretende adaptar a regulación autonómica ao Real Decreto 1021/2022, do 13 de decembro, en concreto:

  • Actualizar o catálogo de actividades recollidas no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (en adiante REGASA) para poder recoller todas as actividades que se realizan no marco do comercio polo miudo.
  • Facilitar a relación das persoas administradas coa administración a través da actualización dos procedementos de declaración responsable para o inicio da actividade no comercio polo miudo.
  • Definir o concepto de actividade localizada no ámbito do comercio entre establecementos de venda polo miúdo.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

No contexto das actividades de control oficial a levar a cabo polas autoridades competentes dentro do marco da normativa en vigor, é necesario manter un censo actualizado de establecementos e actividades no ámbito da seguridade alimentaria e a protección da saúde a través da información actualizada das empresas que interveñen na cadea alimentaria, de maneira que se garanta unha adecuada programación dos controis oficiais. Á súa vez, a normativa de regulación constitúe un elemento esencial para os servizos de inspección, asegurando a posibilidade de actuar con rapidez e eficacia naqueles casos en que existe un perigo para a saúde pública, sen que se obstaculice a libre circulación de mercadorías.

Por outra banda, a publcación do RD 1021/2022, do 13 de decembro, norma de caráter básico na materia, fai necesaria a revisión e actualización do Decreto 204/2012 do 4 de outubro. 

Obxectivos:

Actualizar o REGASA, que ten como finalidade a protección da saúde pública e dos intereses dos/as consumidores/as, facilitando o control oficial das empresas e establecementos sometidos a inscrición, así como regular o procedemento para a inscrición, modificación e cancelación rexistral das empresas e establecementos alimentarios no citado rexistro.

Definir o concepto de actividade localizada no ámbito do comercio entre establecementos de venda polo miúdo, así como desenvolver todos os aspectos competenciais establecidos polo RD 1021/2022, do 13 de decembro.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

Como consecuencia de todo o anterior, e tendo en conta que o Decreto 204/2012, do 4 de outubro, xa foi obxecto dunha modificación, en aras dunha maior seguridade xurídica,  considérase conveniente a aprobación dun novo decreto que se constitúa na normativa de referencia na materia na Comunidade Autónoma de Galicia, fronte á posibilidade de acometer unha nova modificación do decreto vixente.

Rango da norma:

Decreto